A fondo – IGUALDADE

Pandemia e violencia de xénero: máis atención e máis recursos para axudar ás vítimas durante a emerxencia sanitaria

As mulleres vítimas de violencia de xénero dispoñen de máis recursos sociais e asistenciais para apoialas nestes tempos de crise sanitaria.

A loita contra a violencia de xénero pasa por ofrecer ás vítimas todo o apoio que precisen. Nesta liña segue a traballar a Xunta de Galicia, sobre todo a raíz da emerxencia sanitaria e o confinamento decretado polo estado de alarma. Esta situación supuxo para as mulleres un risco maior para sufrir violencia no seo do fogar, sen esquecer as dificultades que trouxo a crise económica para a mellora da independencia económica e laboral das mulleres.

ATENCIÓN PSICOLÓXICA TELEFÓNICA, ON LINE OU PRESENCIAL EN PUNTOS OFICIAIS AOS QUE ACUDEN AS VÍTIMAS
Fronte a esta grave situación, a Xunta impulsou máis servizos e reforzou os xa existentes, co obxectivo de asistir aínda máis ás mulleres que padecen violencia de xénero. Neste sentido, o Executivo autonómico mantivo en todo momento a operatividade normal dos servizos destinados a atender ás mulleres. Para as alertas e consultas, segue en funcionamento as 24 horas do día o Teléfono de Atención da Xunta (900 400 273), gratuíto e atendido por un equipo de profesionais.
En canto á atención psicolóxica, a emerxencia sanitaria impulsou a posta en marcha da atención on line, por exemplo no caso das terapias de apoio psicolóxico, que puideron seguirse de xeito presencial pero tamén mediante sesións telemáticas. Ademais, mantívose a atención psicolóxica de carácter específico para vítimas de violencia sexual. Por outra banda, para atender ás mulleres no momento da denuncia, continúa funcionando a quenda de garda psicolóxica permanente de apoio, que tamén se ofrece en sede xudicial. Esta liña de asistencia psicolóxica funciona tamén no Punto de Coordinación das Ordes de Protección, que

realiza o correspondente seguemento das vítimas. As mulleres reciben apoio psicolóxico e social nas Oficinas de Atención ás Vítimas en sede xudicial, e seu coidado continúa no Centro de Recuperación Integral e o Centro de Emerxencia de Vigo.

ASESORAMENTO XURÍDICO E ADMINISTRATIVO ON LINE E TAMÉN POR TELÉFONO
En relación coas dúbidas que poden presentarse para as diversas tramitacións, as mulleres vítimas de violencia de xénero poden botar man do asesoramento xurídico on line, ademais dos servizos de carácter administrativo aos que pode recurrir por teléfono, por vía telemática ou por correo electrónico, para dispoñer de toda a información sobre axudas económicas.
REFORZO DOS CENTROS DE ACOLLIDA
Para cubrir a demanda, a Xunta activou grupos de intervención e apoio psicolóxico, social e económico, que asistiron ás vítimas en albergues, hostais e pensións habilitadas pola Xunta como centros de acollida durante a pandemia. Ademais, os centros municipais que funcionan como sede de oenegués ou entidades sociais permaneceron abertos para acoller mulleres en situación de vulnerabilidade. Por outra banda, o servizo de traslado de vítimas a centros de acollida que a Xunta ten conveniado con Fegataxi ampliouse para atender necesidades inescusables destas mulleres.
No eido económico, a Xunta asumiu o 100% do pago dos bonos de aluguer para vítimas de violencia de xénero. •

LIÑA DIRECTA DE ATENCIÓN ÁS VÍTIMAS: O TELÉFONO 900 400 273 ESTÁ OPERATIVO AS 24 HORAS

A Xunta ten en marcha unha campaña institucional para facer chegar ás mulleres vítimas de violencia de xénero todos os servizos e recursos que ten á súa disposición para saír desta situación. A campaña ten como eixo fundamental o Teléfono de Atención da Xunta (900 400 273), un servizo gratuíto e anónimo que funciona as 24 horas do día, desde calquera teléfono fixo ou móbil, e con cobertura para toda a Comunidade Autónoma. Está atendido por un equipo multidisciplinar, en coordinación cos diferentes profesionais de toda Galicia.•

O REFORZO DA ASISTENCIA ÁS VÍTIMAS, EN CIFRAS (PRIMEIRO SEMESTRE 2020)

• Incremento do 27,5% das axudas económicas da Xunta ás mulleres vítimas de violencia de xénero: 505 beneficiarias, 109 máis que no primeiro semestre de 2019.

• As consultas ao Teléfono de Información á Muller aumentaron un 35%: nos primeiros seis meses do ano, recibíronse 1.842 consultas, 477 máis que o ano anterior.
• Un 16,6% máis de consultas nos 82 Centros de Información á Muller (CIM) de Galicia: no primeiro semestre deste ano atendéronse 5.465 consultas, 779 máis que no mesmo periodo de 2019.

• Descenso no número de persoas asistidas a través do programa de atención psicolóxica, que dá servizo tanto ás mulleres como aos seus fillos e fillas, e aos dependentes que teñan ao seu cargo: de xaneiro a xuño, o programa deu resposta a 624 persoas, que son 32 menos que as asistidas no primeiro trimestre de 2019.

• 145 persoas foron atendidas de xeito sucesivo e temporalmente nos centros de acollida (78 mulleres e 64 menores), un 13,4% menos que o ano pasado. Desta cifra, cinco mulleres foron acollidas nos recursos alternativos que a Xunta activou para reforzar a cobertura.
• Emprego: A Xunta aumentou en 485.000 euros o orzamento das axudas que se destinan a fomentar a contratación nos concellos de mulleres vítimas de violencia de xénero. Deste xeito, o total desta liña de achegas ascende a 1,8 millóns, no marco dos fondos para desenvolver na Comunidade as medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

• Apoio ás mulleres emprendedoras: a Xunta incrementou en 343.368 euros as axudas do programa EMEGA para impulsar o emprendemento feminino, cun orzamento total de máis de 2,1 millóns de euros.

• Subvencións específicas: a Xunta incrementou en 600.000 euros o orzamento das axudas de pago único con destino ás vítimas de violencia de xénero, ata acadar un investimento de 1,8 millóns de euros nesta liña de achegas. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

A %d blogueros les gusta esto: