Os grandes municipios da provincia serán os que maior número de postos de traballo crearán coa iniciativa do Lugo Emprega, impulsada pola Deputación Provincial e presentada recentemente. Todos os mecanismos están en marcha e os concellos definen os postos que precisan en función das necesidades laborais a nivel municipal. A punto de ser publicada no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria, previsiblemente nesta semana, estes concellos, os de máis de 5.000 habitantes, encargaránse eles mesmos do proceso de selección, que inclúe unha serie de probas.
Chantada
O municipio chantadino contará cun total de 20 novos traballadores en diversas áreas, que absorverán un investimento por parte do organismo provincial de 217.000 euros. Dende o goberno local estableceron as necesidades en diversos ámbitos e contrataranse para reforzar os servizos existentes, oito peóns especialistas en modalidades como a canteiría, a carpinteiría ou a fontanería, así como dous peóns de obras e seis oficiais de albanelería. Por outra banda, requírense traballadores para postos con titulación na área de urbanismo e medio ambiente, que desempeñarán tarefas paralelas ás dun funcionario do grupo C1. Neste ámbito requírese un técnico en medio ambiente, un técnico de dinamización turística e un administrativo. A Policía Local contará tamén cun reforzo, que terá que ser unha persoa con titulación na área de seguridade.
Monforte
A segunda capital da provincia, Monforte, contará con 30 dos empregados e un investimento de máis de 326.000 euros. Os operarios de obras e os operarios de medio ambiente concentrarán a maioría da oferta, cunha decea de traballadores en cada unha das dúas áreas. A aposta do Concello polo Turismo e as necesidades de reforzar os servizos que se ofrecen aos visitantes, veránse beneficiadas coa contratación de tres operarios de turismo con titulación na materia. En Cultura tamén haberá dous novos traballadores, e na administración Monforte contratará a catro profesionais, dous para procesos de xestión e outos dous para información cidadá.