Os rapaces, protagonistas do Nadal en Sober

Presentación do programa de Nadal no centro sociocultural de Sober. CS

Ao igual que o resto de municipios, o Concello de Sober xa presentou a súa programación para este Nadal, no que os protagonistas fundamentais serán os nenos. Para comezar, que mellor maneira que facelo con un festival de panxoliñas e a visita do mismísimo Papa Noel, mañá mércores día 23 a partir das once da mañá.

Pero a música cobra especial relevancia nos actos programados. Así, outra das actividades será un maratón de panxoliñas, que está previsto para o mércores día 29 de decembro a partir das cinco e media da tarde na Biblioteca Pública Municipal. É este un tipo de canción moi característico de Galicia, polo que ademáis de divertirse un dos obxectivos será o de darlle difusión a unha tradición que atopa nestas datas o seu maior auxe. Ese mesmo día, ás sete da tarde terá lugar un concerto didáctico no salón de actos do centro sociocultural. Leva por título “Os tres tenedores” e está destinado a todos os públicos, xa que para aprender non hai idade.  E para rematar a xornada nada mellor que unha chocolatada que poña remeido ao frío, tamén a partir das oito da tarde no centro sociocultural e á que están convidados todos os veciños.

Pola súa parte, o día 5 de xaneiro producirase a visita dos Reis Magos, un dos eventos máis agardados por todos os pequenos. A cabalgata coas súas maxestades de Oriente chegará en primeiro lugar á residencia da terceira idade de Sober para rematar finalmente no centro sociocultural arredor das doce e media. Alí os cativos poderán achegarse aos tres Reis Magos e facerlles as súas peticións.

Tamén o mércores 5 de xaneiro procederase á entrega de premios dos diferentes concursos postos en marcha polo Concello dende principios de mes, tales como un certame de poesía, outro de postais de Nadal e outro de Beléns. Será na Biblioteca Pública Municipal arredor da unha do mediodía. Para participar en ditos concursos todos os interesados tiveron de prazo para entregar os seus traballos ata o día de onte, no caso do certame de poesía infantil e de postais deixándoos na biblioteca, e para o concurso de Beléns incribíndose no centro sociocultural. É preciso destacar que os poemas premiados nesta fase local participarán posteriormente na fase provincial do certame convocado pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo, unha actividade que conta co patrocinio da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.

ACTIVIDADES DURANTE TODO O MES

A maiores de todo isto o Concello de Sober ten xa instalado en 14 puntos distintos do municipio o alumeado festivo, que se complementou posteriormente coa ornamentación das árbores que están situadas na praza do Concello. Asimesmo, o pasado xoves 16 de decembro tivo lugar a inauguración oficial do Belén no centro sociocultural, e tamén a apertura do buzón real para que os máis cativos puideran comezar xa a deixar as súas cartas.

Por outro lado, durante esa mesma fin de semana, os alumnos da Escola Municipal de Música xunto cos integrantes da Banda de Sober ofreceron un concerto de Nadal no centro sociocultural, mentres que onte o encargado de poñer a música foi o quinteto Cimarrón, tamén no centro sociocultural.

Xa por útlimo, nas instalacións da Biblioteca Municipal do concello pode visitarse a exposición “A lectura no 2010”, unha mostra que permanecerá aberta ata o vindeiro 7 de xaneiro.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Unha exposición leva a música de Brollón á capital de Rumanía

Seguinte Nova

UN BELÉN CON MOITA VIDA EN RIBAS DO SIL

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: