Sarria acolleu por primeira vez unha etapa da Vuelta Ciclista a España

Redacción-Sarria

O pasado venres día 2 de setembro, o concello de Sarria viviu unha xornada histórica: a décimo terceira etapa da Vuelta Ciclista a España saiu desta localidade. Un percorrido que se adentrou así por primeira vez na zona dos Ancares, nunha das etapas máis complicadas de toda a edición. Tal e como xa sinalaran dende o propio Concello, con saída inédita dende Sarria e final en Ponferrada, esta foi a sexta vez que a capital do Bierzo recibiu a carreira, cun percorrido de pouco máis de 150 quilómetros nos que se atoparon con tramos como o alto de Folgueriras de Aigas, o Porto de Ancares, ou o de Ocero, xa coñecido na carreira.

Pola súa parte, a zona do Chanto foi o espazo no que se instalaron o control de firmas e o punto de encontro da Vuelta. Por alí, ademais dos ciclistas, pasaron numerosos afeccionados que quixeron ver aos corredores e pedir autógrafos aos seus ídolos. Un dos máis aclamados foi Alberto Contador, que pese a non competir na proba, decidiuse a achegarse ata a localidade. Pero mención especial merece tamén o corredor David Blanco, o único galego que participou na proba. Mentres tanto, as rúas Benigno Quiroga, Castelao, Curros Enríquez, Matías López (até Catro Camiños), Calvo Sotelo (desde Catro Camiños até o ambulatorio) e a avenida de Becerreá, constituíron o escenario de carreira, establecemento de equipos, corredores e coches oficiais. Con todo isto, ante un espectacular control de seguridade e centos de afeccionados e curiosos, o pelotón deu comezo coa carreira á unha do mediodía. É de destacar que nesta etapa o gañador foi o ciclista suizo de HTC, Michael Albasini, tras resolver a fuga do día na meta de Ponferrada. A provincia de Lugo acolleu así, anos despois, unha das etapas máis características desta edición 2011, na que por primeira vez Sarria foi punto de encontro e de saída.

Pequenos, maiores, veciños, visitantes, curiosos, e sobre todo afeccionados acudiron durante toda a mañá ás rúas de Sarria nas que se concentraron os ciclistas. A zona de control de firmas e de punto de encontro foron os escenarios que maior afluencia de xente rexistraron, xa que todos e cada un dos corredores participantes tiveron que pasar por alí. O alcalde de Sarria, José Antonio García, foi tamén un dos que se achegou ata o control de firmas, mentres que os deportistas adicaron a mañá a prepararse e a atender ao elevado número de medios de comunicación que alí se concentraron. A saída do pelotón tivo lugar á unha do mediodía polo centro de Sarria. A puntualidade coa que discorreu a xornada fixo que case media hora despois da saída, as rúas comezasen a despexarse e a recuperar a normalidade. EC

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Deputación inviste 55.700 euros no acondicionamento de accesos en A Pobra do Brollón

Seguinte Nova

Celebrada en Pantón la última prueba del Circuito de Golf de la Asociación contra el Cáncer

Últimas noticias sobre DEPORTES

A %d blogueros les gusta esto: