O conselleiro de Medio Rural visita a adega Guímaro en Sober

Redacción-Monforte

O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, visitou recentemente a adega Guímaro, de Sober, pertencente á Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Na súa visita, Juárez destacou a importancia de investir en tecnoloxía como fórmula para mellorar a competitividade nas explotacións vinculadas ao eido vitivinícola, como é o caso desta adega soberina. Guímaro ven de experimentar unha importante expansión, tanto en superficie de viñedo de produción propia como en viños de diferentes tipos. A día de hoxe, a súa produción rolda os 70.000 quilogramos de uva propia, cultivadas nunha superficie de 8 hectáreas.

Samuel Juárez, conselleiro de Medio Rural, durante a súa visita a adega soberina Guímaro, acompañado da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e os responsables da adega. GMR.

Asimesmo, un dos obxectivos desta adega é a súa expansión comercial, facendo especial fincapé na proxección internacional. Na actualidade, Guímaro xa exporta o 30% da súa produción fóra de España, repartida entre Europa, América e Xapón. Esta expansión vén determinada, en boa medida, polas diversas inversións e proxectos de mellora acollidos ás axudas da Consellería do Medio Rural, grazas ás que se construíu un novo edificio de usos múltiples, que permitiu dotar á adega dunha maior superficie para o desenvolvemento do seu traballo, así como dunha mellora da funcionalidade e produtividade.

Adega Guímaro fai tamén unha aposta polos adiantos tecnolóxicos que permitan acadar mellores resultados. A adquisición de diverso material fai posible unha maior dinamización do proceso produtivo. Entre as novas ferramentas de traballo cabe salientar un cabezal etiquetador, que permite mellorar o rendemento do enchido e encorchado. Ademais amplíase a capacidade de elaboración, logo da adquisición dunha cuba e de barricas, que permitirán mellorar a calidade do viño conservado en madeira. Os investimentos para potenciar estas melloras supera os 34.000 euros, subvencionados nun 30% pola Consellería do Medio Rural. A capacidade produtiva, tras as inversións viuse incrementana, obtendo unhas 48.000 botellas de viño xoven e unhas 8.000 de viño conservado en madeira.

Ademais destes aspectos, os responsables da Consellería de Medio Rural destacan a importancia dos resultados da aplicación desta liña de axudas no caso da adega Guímaro, xa que o traspaso xeracional desta empresa familiar de pais a fillos supón o cumplimento dun dos obxectivos destas axudas, como é a fixación de poboación no rural da Comunidade Autónoma, potenciando zonas do territorio ricas en recursos naturais e susceptibles de aproveitamento.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Jesús Rodríguez Muiños, “Carolo”, novo adestrador da S.D. Chantada:

Seguinte Nova

A Deputación inviste 55.700 euros no acondicionamento de accesos en A Pobra do Brollón

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: