Monforte quedará libre de barreiras arquitectónicas en espazos públicos a finais de ano

• O alcalde anunciou a licitación, por 295.100 euros, do proxecto de mellora da accesibilidade «que converterá a Monforte nun concello de referencia»

O alcalde de Monforte, José Tomé, anunciou a licitación do proxecto de mellora da accesibilidade xunto á tenente de alcalde, Gloria Prada, o pasado 3 de marzo. GPCM

O Goberno local de Monforte vén de dar luz verde á licitación do Plan de mellora da accesibilidade nos edificios e parques municipais, cun prezo de licitación de 295.107 euros. Ata o venres 26 de marzo está aberto o periodo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas, segundo explicou en rolda de prensa o alcalde, José Tomé. A mesa de contratación reunirase o 7 de abril para valorar as propostas e proceder á adxudicación do proxecto. A empresa adxudicataria disporá dun prazo de seis meses para executar a obra, polo que as previsións municipais estiman que o Plan estea completado a finais deste ano.

«UN FUTURO SEN BARREIRAS» NOS ESPAZOS PÚBLICOS DE MONFORTE
Tomé explicou os detalles dun Plan no que o seu equipo de Goberno «proxecta e planifica un futuro sen barreiras na nosa cidade», a través da adaptación dos edificios públicos e do medio urbano para deixar atrás «as deficiencias de accesibilidade que aínda existen no noso Concello». O alcalde salientou que este Plan permitirá a Monforte converterse «nun Concello de referencia en materia de accesibilidade».

MELLORAS DE ACCESO NUNHA DUCIA DE EDIFICIOS MUNICIPAIS
As características deste proxecto xa se deran a coñecer o pasado mes de novembro. En canto aos edificios nos que se vai mellorar a accesibilidade, o proxecto inclúe a Casa do Concello, o Centro do Viño, a Praza de Abastos, a Casa da Cultura, o Edificio Multiusos, o campo de fútbol da Pinguela, o campo de fútbol Luis Bodegas, o pavillón polideportivo da Pinguela, a piscina climatizada, as Casitas da Compañía, a Gardería municipal e o Centro Cívico do Malecón. Ademais, vaise actuar nos parques da Compañía, da Pinguela, no Viveiro e no parque da Florida.
Nestas localizacións, o Concello favorecerá a accesibilidade incluíndo aparcadoiros reservados ou mellorando os existentes, así como revisando se os aseos adaptados cumpren a normativa vixente. Tamén se vai actualizar a sinalización, e se van revisar elementos como varandas, mostradores para cadeira de rodas, ramplas axeitadas, mobiliario e ascensores, entre outros. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A exposición «Jewish Journeys. Los viajes del pueblo judío», na Casa da Cultura de Monforte ata abril

Seguinte Nova

A Xunta destaca o labor do piloto monfortino Eduardo Iglesias na promoción de Galicia Calidade no Rally Dakar

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: