Os veciños do Incio amosan o seu apoio a usuarios e traballadores da residencia

Marica Campo leu un emotivo comunicado nun acto que congregou a un numeroso grupo de cidadáns


Os veciños de ou incio aplauden aos usuarios e traballadores da Residencia

Os veciños do Incio mostraron a súa solidariedade con todos os usuarios residentes e traballadores da Residencia que durante as últimas semanas están a sufrir as consecuencias da pandemia por coronavirus. Nun comunicado pronunciado por Marica Campo, facíaselles saber que todo o pobo do Incio estaba con eles, que lles acompañaban no seu confinamento, e recoñecían unha débeda coa xeración dos nosos maiores, que tanto loitaron en tempos difíciles. Terminaba o comunicado cunha reclamación aos poderes públicos para que aumenten os recursos para poder manter a calidade dos servizos que ofrece a Residencia non só á conta de esgotadoras xornadas dos seus traballadores. Un aplauso de agradecemento durante un minuto completou o acto.


Texto íntegro do comunicado

Manifesto en apoio da residencia de maiores do Incio: “Chamando pola primavera”

Bo día!

As veciñas e veciños do Incio, coa colaboración do Concello,  estamos hoxe aquí para render unha sinxela homenaxe de agradecemento e solidariedade ás persoas residentes neste centro de  maiores e a cantos e cantas desenvolven distintas funcións dentro dela.

Antes de nada, un recordo sentido aos que xa non están. As nosas condolencias ás súas familias e a esta outra, a constituída polos usuarios e traballadores  da residencia.

A morte, ben se sabe, é lei de vida , tan natural como a vida mesma. Xa  dixo o poeta grego Homero, hai vinte e oito séculos,  que a liñaxe dos homes (e mulleres) é como a das follas das árbores, bótaas o vento ao chan, o bosque vizoso fai nacer outras e sobreviven na estación da primavera”. 

Nós vimos aquí invocar a primavera para vostedes e para nós. As galegas e galegos sabemos que o outono tamén a ten, por iso falamos da primavera do outono, unha época de plenitude e rexurdimento da terra tras o verán. Non é, xa que logo, privativa da xente nova. As persoas de  idade tamén somos donas dela, tamén temos dereito a aspirar á primavera.

Por iso debemos chamala para que veña. A lingua que ela mellor entende é a da alegría,  o optimismo e a esperanza, que á fin é a única que trae consigo a forza precisa para seguirmos camiñando. Diso saben moito os mariñeiros que, no medio da tempestade, non esquecen que a vela aguanta se o corazón canta.

E, xa que falamos de forza, non podemos esquecer que a forza dos pobos radica na súa unidade. Como  cantaba o grupo chileno Quilpayún: “O pobo unido xamais será vencido”.

Aquí está o do Incio, unido, para dicirlles que, aínda que estean confinados, acompáñaos o noso recordo continuo e o máis sincero desexo de saúde. Porque os necesitamos e os queremos, aínda que non os poidamos nomear un a un, unha a unha. E porque temos unha débeda con vostedes por canto loitaron en tempos ben difíciles.

Ademais, non existe futuro sen a memoria de nós que as persoas maiores gardan e representan.

Esta Terra Brava, como a chamou Fole, que tanta riqueza natural e humana encerra, aínda que ten unha poboación envellecida, ha rexurdir, inxectada de sangue novo, porque por iso loita e así o merece. Moitos non o saben, mais cando o descubran non quererán saír de aquí. De aquí, onde ninguén é estranxeiro  se decide compartir con nós o seu desexo de vivir en paz e harmonía consigo, cos outros e coa natureza.

Reiteramos o noso agradecemento e apoio aos traballadores e traballadoras desta residencia e, como queira que foron e son heroes sen aplausos, traémoslles os nosos  cargados de admiración e cariño. Mais non abonda con iso. Cómpre  reivindicarmos dos poderes públicos máis recursos. O persoal deste tipo de centros non debe verse obrigado a facer xornadas esgotadoras para manter a calidade dos servizos. As persoas maiores, como os nenos, son material sensíbel e precísase unha paciencia e delicadeza incompatíbeis coa sobrecarga de traballo. É de xustiza coidar que non a teñan. Ese é o mellor recoñecemento ao seu traballo.

Graciñas.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Pandemia repunta con forza en Galicia

Seguinte Nova

O Concello de Monforte leva concedidos máis de 7.800 bonos do Plan de Apoio ás familias e aos sectores económicos locais

Últimas noticias sobre SAÚDE

A %d blogueros les gusta esto: