Chantada servirá de peche ao circuito musical ao aire libre “Tradición. En Clave Delas”

A vila do Asma pechará este ciclo promovido pola Deputación, cunha actuación de Lucus Ensemble o 17 de outubro

A vicepresidenta da Deputación e responsable de Cultura, Maite Ferreiro, acompañada por Cristina Nogueira e Santiago Noriega, coordinador do evento, na presentación do ciclo de concertos «Tradición. En Clave Delas», o 1 de setembro. GPVDL

A música de cámara protagonizará o ciclo de concertos ao aire libre “Tradición. En Clave Delas”, que se desenvolverá entre setembro e outubro por cinco vilas da provincia de Lugo. A iniciativa, organizada pola formación Lucus Ensemble e a Área de Cultura da Deputación, arrancará o venres 4 de setembro cunha primeira actuación deste grupo na capital provincial, na Praza de San Marcos, a partir das sete e media da tarde.

ESPECTÁCULO PENSADO PARA DESFRUTARSE EN EXTERIORES

O grupo Lucus Ensemble, integrado por dez músicos e dúas voces, ofrecerá un repertorio propio, mesturando instrumentos tradicionais con outros de corte sinfónico. O resultado será “un espectáculo entretido, pensado para ser tocado en exteriores e dar vida ás rúas e prazas”, segundo explicou na presentación o coordinador do ciclo, Santiago Noriega.

A segunda parada deste circuíto de música de cámara será na Fonsagrada, cun concerto o sábado 5 de setembro na Praza do Concello, dende as sete da tarde. O percorrido continuará o sábado 26 de setembro na Pastoriza, cunha actuación ás seis da tarde, na Praza do Concello.

A derradeira cita terá lugar en Chantada, no marco do Festival de Bandas de Música que organiza a Banda Municipal chantadina, o sábado 17 de outubro. Todas as actuacións rexiranse polo protocolo hixiénico-sanitario que establezan as autoridades para cada poboación. Os asistentes contarán con cadeiras debidamente separadas, para garantir a distancia de seguridade. Ademais, será obrigatorio o uso de máscara ao longo de toda a actuación. Así mesmo, haberá dispensadores de xel hidroalcohólico para uso de todos os participantes.

FACER CULTURA COIDANDO A SAÚDE DAS PERSOAS

Segundo explicou a vicepresidenta da Deputación e responsable da Área de Cultura, Maite Ferreiro, o ciclo “Tradición. En Clave Delas” estaba xa deseñado dende o primeiro trimestre do ano, pero tivo que aprazarse debido á pandemia. “Desde o inicio da crise sanitaria, apostamos en manter o pulso da actividade cultural na provincia, con fórmulas alternativas, adaptadas ás circunstancias, e esta programación é un paso máis nese camiño”, sinalou. Ferreiro insistiu en que “queremos seguir facendo cultura coidando a saúde das persoas, que é sempre o máis importante”.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Noticia Anterior

O prazo para apuntarse na Escola de Música de Sober remata o 24 de setembro

Siguiente Noticia

Comezan os traballos para arranxar a estrada de Belesar que afundiu polas chuvias de mediados de agosto

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: