3049 novos casos de coronavirus en Galicia durante os últimos 11 días de agosto confirman unha segunda ola da pandemia

Con 3640 casos activos, 17 ingresados na UCI, 124 hospitalizacións e 24 mortos, a situación complícase en Galicia, ás portas do comezo do curso académico

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.640 deles 1.392 son da área da Coruña, 730 da de Lugo, 340 da de Ourense, 226 da de Pontevedra, 237 da área de Vigo, 582 da de Santiago, e 133 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 17 están en UCI, 124 en unidades de hospitalización e 3.499 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 12.671 persoas curadas, rexistrándose 643 falecementos. Os dous últimos falecidos foron un varón de 90 anos, que estaba ingresado no HULA; e unha muller de 89 anos, que estaba ingresada no Hospital de Cee. Ámbolos dous tiñan patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 335.554.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOG do pasado 19 de agosto, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A campaña itinerante “Galicia, destino seguro” foi visitada por máis de 5.300 persoas

Seguinte Nova

Ata o 14 de setembro para solicitar as subvencións que ofrece a Deputación de Lugo aos clubes deportivos

Últimas noticias sobre SAÚDE

A %d blogueros les gusta esto: