Convocadas as subvencións provinciais para actividades no eido da cultura

A Vicepresidencia da Deputación colabora con 130.000 euros para apoiar as iniciativas de entidades e asociación en 2020

Á esquerda, Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación, no anuncio das axudas ás entidades culturais. Na mesa, participaron na rolda de prensa o presidente, José Tomé, e a voceira, Pilar García Porto. GPVDL

A finais de agosto, a Área de Cultura da Deputación, dependente da Vicepresidencia, aprobou unha liña de axudas de apoio ás actividades culturais por parte de asociacións e entidades para o ano 2020. A liña está dotada con 130.000 euros, nunha convocatoria en concorrencia competitiva.

Segundo informou en rolda de prensa a responsable da Área de Cultura e vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, as entidades beneficiarias destas axudas deberán asumir polo menos o 5% do custe total da actividade. As subvencións oscilarán entre os 300 e os 3.000 euros, que se destinarán a gastos de persoal e transporte, o custo de infraestruturas necesarias para realizar a actividade, e o pago de seguros e publicidade, entre outros conceptos.

MAITE FERREIRO: APOIO AOS COLECTIVOS CULTURAIS “MÁIS AÍNDA NESTES TEMPOS DE INCERTEZA”

Ferreiro sinalou a intención do seu departamento en “seguir colaborando coas asociacións que dinamizan a vida cultural da provincia”, máis aínda “nestes tempos de incerteza” que esixen “ríxidas medidas” hixiénico-sanitarias, e que obrigan a asumir proxectos “que non se sabe como acabarán”. A nacionalista salientou que a Área de Cultura da Vicepresidencia seguirá tendo en conta “criterios que fomenten a igualdade e a integración”, ao tempo que se pon en valor “o desfrute de todos os aspectos da cultura galega”, como son as tradición, o patrimonio, a música “e, por suposto, a lingua”.

A vicepresidenta provincial lembrou que esta liña de subvencións súmase a outras accións de apoio á cultura lucense, por un importe total de máis de un millón de euros “para manter vivo o tecido cultural da provincia”.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Noticia Anterior

Algo máis de 88.000 euros para embelecer o Camiño de Inverno

Siguiente Noticia

A campaña itinerante “Galicia, destino seguro” foi visitada por máis de 5.300 persoas

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: