A música en directo anima as veladas de agosto na terraza do Círculo Saviñao

Tralas actuacións de Two in the Mirror e Pequeña Gran Compañía, o mes despedirase co concerto do dúo coruñés #DosEnPunto

Actuación do dúo vigués Two in the Mirror na terraza do Círculo Saviñao, o pasado 15 de agosto. CS

O Círculo Saviñao continúa coa súa axenda cultural para os meses de verán. O 15 de agosto, a terraza da asociación recreativa de Escairón acolleu a actuación de Two in the Mirror, o dúo vigués integrado por Noelia Álvarez e Paco Dicenta. Na sesión, os intérpretes achegaron temas do seu último disco, titulado “Inventario”, ademais de traer á escea temas das grandes bandas de rock-pop, como U2, e de artistas de talla internacional como Steve Wonder, entre outros. A gran calidade técnica dos intérpretes derivou nun concerto de gran emoción, que cautivou ao público asistente nunha velada máxica.

Sergio Ariel Rodríguez Riarte e Amor Herrera, integrantes do dúo arxentino-cubano Pequeña Gran Compañía, animaron a terraza do Círculo Saviñao o 22 de agosto. CS

A música voltou á terraza do Círculo Saviñao o sábado 22, da man do dúo Pequeña Gran Compañía. O arxentino Sergio Ariel Rodríguez Riarte, con guitarra e voz, e a cubana Amor Herrera, que ademais de cantar acompañou co trombón e a percusión, encheron de sons latinoamericanos o espazo lúdico de Escairón. Ritmos cubanos e temas modernos da música arxentina e española integraron o seu repertorio, que foi moi aplaudido pola concorrencia.

A última xornada musical do Círculo Saviñao en agosto estará a cargo dos coruñeses Carlos Bau e Hugo Torreiro, membros do dúo #DosEnPunto, que traerán o seu “galletón”, un estilo do que din que “non é folk, nin pop, nin música tradicional, nin reggaetón, nin rumba nin cumbia… aínda que leva un chisco de cada un destes estilos”. Ademais de presentar temas propios, ofrecerán un concerto en formato eléctrico, a través dos grandes éxitos do pop español dos anos 80 e 90.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Pobra do Brollón revela máis datos sobre a orixe da Ribeira Sacra

Seguinte Nova

Adxudicada por case 200.000 euros a ampliación e reforma dos talleres do IES A Pinguela

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: