A Pobra do Brollón revela máis datos sobre a orixe da Ribeira Sacra

A lousa e a inscrición atopadas na escavación de Os Conventos apuntan ao carácter sagrado deste enclave

Os traballos na segunda campaña do xacemento de Os Conventos remataron o 20 de agosto. GPCPB

Na segunda metade do mes de agosto, rematou a segunda escavación arqueolóxica en Os Conventos, lugar da parroquia de Vilachá, no municipio de A Pobra do Brollón. A campaña, cunha duración de tres semanas, deixou tres achados moi reveladores, segundo valoraron dende o Consistorio. Os arqueólogos atoparon unha punta de lanza, unha lousa gravada cun crismón, e unha pedra funeraria inscrita de época altomedieval, o que parece confirmar o carácter sagrado deste emprazamento. Cómpre ter en conta que a prospección inicial baseouse en varios documentos e nas testemuñas orais da veciñanza, que falaban dun antigo mosteiro, hoxe desaparecido, que supostamente estaría localizado neste outeiro do Val do Frade, na ribeira do Sil.

POSIBLE EREMITORIO NO SÉCULO X, PRECEDENTE DO MOSTEIRO DE SAN MARTIÑO DE PIÑEIRA

O primeiro dos achados desta quenda arqueolóxica tivo lugar durante os traballos de limpeza do xacemento. No muro perimetral, apareceu unha pedra cunha inscrición en latín vulgar, datada no periodo altomedieval. Os expertos en epigrafía consultados sobre este elemento estimaron que, en principio, a pedra podería conter a inscrición latina “famulus dei”, que significa “servo de Deus”, que era unha fórmula característica dos enterramentos. A pedra daría así consistencia á hipótese inicial dos arqueólogos, que tratan de probar que a orixe de Os Conventos sería un primitivo eremitorio datado no século X, e que, co tempo, daría lugar ao mosteiro de San Martiño de Piñeira.

Dende o Concello da Pobra do Brollón, distribuíron unha fotografía da pedra atopada na escavación de Os Conventos, na que figura unha inscrición en latín vulgar, que se remonta ao século X. GPCPB

LOUSA CUN CRISMÓN, CARACTERÍSTICA DA ÉPOCA VISIGODA

Esta hipótese, que vincula o espazo de Os Conventos cun uso de carácter sagrado que se remonta á primeira metade da Idade Media, parece reafirmase cunha segunda peza. Os traballos arqueolóxicos revelaron tamén a existencia dunha pequena lousa gravada cun crismón, monograma formado coas primeiras letras da palabra “Cristo” en grego. Este símbolo formaba parte da cultura cristiá dende os primeiros tempos. A presenza de crismóns en lousas foi un elemento recurrente nas poboacións visigodas da meseta norte, o que remitiría, segundo os responsables da escavación, á fase máis inicial deste emprazamento.

A campaña está financiada pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Dirección Xeral de Patrimonio, en colaboración co Concello da Pobra do Brollón e da Asociación Veciñal de Vilachá de Salvadur, dentro do proxecto Adegas da Memoria.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Noticia Anterior

Agosto, periodo de proba en Galicia dunha aplicación móbil que rastrea contaxios da covid-19

Siguiente Noticia

A música en directo anima as veladas de agosto na terraza do Círculo Saviñao

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: