O Concello de Monforte prorrogou o contrato do lixo por dez anos

• Tomé valorou a “satisfacción” polo servizo que presta a empresa concesionaria, e que se manterá o contrato sen incrementar os custes para a veciñanza

Rolda de prensa do alcalde, José Tomé; a tenente de alcalde, Gloria Prada; e o concelleiro de Obras, José Luis Losada, para anunciar a prórroga do contrato do lixo, o pasado 1 de agosto. GPCM

Monforte manterá outros dez anos o contrato do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria coa empresa FCC. Así o explicou en rolda de prensa o alcalde, José Tomé, que argumentou a decisión en tres puntos. En primeiro lugar, o rexedor defendeu o feito de que se van manter, “e incluso incrementar”, os postos de traballo. En segundo lugar, Tomé resaltou a “satisfacción” do Consistorio polo servizo prestado tanto na recollida do lixo como na limpeza viaria. Por último, a negociación dos últimos meses entre o Goberno local e a concesionaria permitiu acadar “melloras importantes” para lograr máis calidade no servizo no ámbito urbano e no rural.

NOVOS VEHÍCULOS, CONTEDORES E CUBOS
As melloras conseguidas na negociación, e que propiciaron a prórroga do contrato, foron detalladas polo alcalde. Do investimento inicial de FCC, que era de 1.638.003 euros, a inversión pasa a ser de 1.731.665,51 euros, case medio millón máis. En canto á flota, só se van conservar os vehículos de transporte de cubos e o furgón de mantemento, que están valorados en 107.120 euros. O motivo de que se manteñan, explicou Tomé, é que estes vehículos teñen unha vida útil máis prolongada que os demais. Por un valor similar, vaise adquirir unha nova baldeadora de beirarrúas de alta presión, coa que mellorar a limpeza das zonas peonís e das beirarrúas. O alcalde precisou que se van renovar todos os demais vehículos e materiais, como os contedores da periferia e das parroquias, e os cubos.
Outra das vantaxes que a prórroga da concesión traerá consigo refírese á mellora do servizo, optimizando a recollida selectiva, aumentando a frecuencia do barrido manual e o lavado anual de contedores, ademais de reforzar e mellorar o barrido en periodos de festa e fins de semana. Así mesmo, vaise mellorar o baldeo mecanizado e haberá máis puntos de recollida de cartón porta a porta. Ademais, está prevista a posta en marcha de novos servizos “que conlevan unha importante inversión, con maquinaria e equipos específicos”.
No aspecto económico, Tomé salientou que a negociación para prorrogar o contrato con FCC garante o mantemento do prezo de recollida do lixo e limpeza viaria, ademais de manter a revisión do IPC como ata agora, no 0,85%, polo que “non haberá ningún incremento de custe para os monfortinos que si van ver mellorado o servizo”. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Constituído o Consello Regulador da IXP Pan Galego

Seguinte Nova

Dez mozos e mozas participan en Brollón no terceiro campo de voluntariado do Castro de San Lourenzo

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: