Máis prevención e máis control dos incendios coas novas tecnoloxías

Tras a alerta sanitaria, a actuación das brigadas inclúe este ano protocolos sanitarios anti Covid-19

As tarefas de prevención son un dos eixos fundamentais do Pladiga 2020.
(Foto: Arquivo EC)

A protección deste ben común que é o monte galego centra boa parte dos esforzos das administracións, que reactivan todos os recursos para frear o impacto dos lumes. Con este obxectivo, o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) mantén os mesmos efectivos que o ano pasado, aínda que aumentando o tempo de permanencia no territorio. Deste xeito, en 2020 o operativo fixo-descontinuo estará no monte durante seis meses, un máis que o ano pasado, o que permitirá reforzar a prevención, co apoio de máis ferramentas tecnolóxicas para controlar os lumes. Así mesmo, no primeiro verán tras a pandemia da Covid-19, o Pladiga implementa diversos protocolos de seguridade para protexer aos profesionais no desenvolvemento do seu traballo.

O PERSOAL DESCONTINUO TRABALLARÁ DURANTE SEIS MESES, REFORZANDO A PREVENCIÓN

O operativo antiincendios que vai velar pola integridade do monte galego estará formado por máis de 7.000 persoas, sumando os profesionais propios da Xunta cos derivados doutras administracións. Este número é similar ao da tempada anterior, coa novidade de que o persoal fixo descontinuo permanecerá máis tempo en activo, ata seis meses, o que supón un mes máis que o ano pasado.

MÁIS DUNHA DUCIA DE INSTRUCIÓNS PARA EVITAR CONTAXIOS DA COVID-19 ENTRE OS TRABALLADORES

Todo o persoal que exerza labores forestais estará suxeito a protocolos específicos derivados da alerta sanitaria pola Covid-19, para garantir que poidan traballar sen risco de contaxio. Con este fin, establecéronse máis dunha ducia de instrucións e protocolos sobre hixiene e seguridade. Dende a Xunta salientaron o labor que, durante a emerxencia sanitaria, realizaron os axentes ambientais e bombeiros forestais do Servizo. O persoal colaborou de xeito voluntario en 7.000 desinfeccións dos exteriores de centros de saúde, residencias e outros espazos comunitarios, con especial atención aos concellos pequenos. De feito, este tipo de actuacións foron recurrentes en case 200 municipios de menos de 5.000 habitantes.

DOCE DRONS E NOVAS PRESTACIÓNS INFORMÁTICAS PARA OPTIMIZAR O OPERATIVO CONTRA OS LUMES

A nivel técnico, os profesionais vinculados ao Pladiga contarán con 360 motobombas, xunto a outros recursos terrestres, reforzados cunha trintena de medios aéreos, que este ano incorporan unha dotación de maior capacidade para transportar auga. No eido tecnolóxico, o Plan reforza con doce drons o labor de vixilancia e disuasión de posibles incendiarios, e ofrece tamén máis apoio nas tarefas de extinción.

Outra das melloras tecnolóxicas que incorpora a presente edición do Pladiga ten que ver coas ferramentas informáticas postas a disposición dos profesionais. Estas novas aplicacións permiten a visualización actualizada das imaxes vía satélite, así como compartir pantalla entre varios usuarios, ou analizar como evolucionan os lumes a través de formas ou siluetas (o que técnicamente se denomina shapes).

Estes recursos complétanse con outras aplicacións de utilidade para o operativo que está no monte loitando contra o lume. Estes profesionais poderán consultar nas súas tablets toda a información en tempo real sobre o foco de actividade. Entre os datos que terán a golpe de clic, están a localización actualizada de puntos de auga, límites administrativos ou espazos protexidos. Ademais, estas aplicacións posibilitarán a busca de topónimos e puntos quilométricos, así como a ubicación GPS dos recursos asignados a cada operativo, as localizacións das rutas de acceso dos primeiros recursos en chegar ao foco e a recepción de datos sobre a evolución do lume que se está a controlar. As novas ferramentas informáticas tamén ofrecen prestacións de gran interese na loita contra os incendios, como a fotografía xeorreferenciada ou a posibilidade de edición para detectar os puntos de encontro, as devasas ou os perímetros provisionais que delimitan o avance dun lume.

30,5 MILLÓNS DE EUROS PARA LABORES DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS

Un dos aspectos máis destacados na folla de ruta do Pladiga deste ano é a prevención. O conxunto de medidas para evitar os incendios forestais conta cunha dotación específica de 30,5 millóns de euros, destinados a labores preventivos en case 46.000 hectáreas e preto de 5.800 quilómetros de pistas e estradas. Este orzamento distribúese en actuacións directas, subvencións de tarefas de limpeza e xestión de biomasa e convenios cos concellos para que participaran no desenvolvemento do Plan.

Neste labor preventivo, resultou imprescindible contar con información actualizada e de fácil acceso. O persoal implicado nos labores coordinados do Pladiga dispuxeron de datos revisados e actualizados sobre as denominadas Parroquias de Alta Actividade Incendiaria, cuxo porcentaxe descendeu ata un 60% este ano. De feito, no rexistro actualizado para a presente campaña, o número de parroquias de alto risco pasou das 71 do ano pasado a só 28. As variacións neste rexistro responden a criterios técnicos, entre os que se incluíron o número de lumes rexistrados ou a virulencia que presentaron estes focos.

TAREFAS DE COIDADO E MANTEMENTO EN SUPERFICIES E PISTAS FORESTAIS

Este verán, a Xunta puxo en marcha diversas tarefas silvícolas nunha superficie total de preto de 8.400 hectáreas, ademais de mellorar cerca de 3.100 quilómetros de pistas forestais e adaptar a normativa de distancias en arredor de 100 quilómetros de estradas e vías ferroviarias. A superficie na que se actúa axústase ás obrigas establecidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que inclúe montes e terreos forestais, así como as faixas secundarias de xestión de biomasa que corresponden ás dos 50 metros de terreo rústico máis próximas ás vivendas.

Os traballos consisten en abrir novas devasas e faixas auxiliares, e coidar as xa existentes, ademais de manter en bo estado as pistas forestais e eliminar os residuos vexetais. Nos viais, a roza levouse a cabo de xeito mecanizado, con brazo e arrastrada, e tamén a man, nos puntos nos que así se precisou. As accións directas da Xunta completáronse con traballos de mantemento nos 3.207 puntos de auga que xa estaban funcionando.

A xestión de franxas e a creación de devasas naturais facilitan a óptima conservación das masas forestais, freando a expansión dos incendios. (Foto: Pixabay)

SUBVENCIÓNS PARA O MANTEMENTO DE MONTES COMUNITARIOS

O Pladiga estableceu un apartado de subvencións para accións preventivas dos danos causados por lumes, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor). Dende a Xunta estiman que estas achegas serven para actuar no control selectivo de combustible en case 9.700 hectáreas, e para construir 121 novos puntos de auga.

251 BRIGADAS MUNICIPAIS ACTIVADAS DENTRO DO PLADIGA DA XUNTA

Outro dos aspectos que contempla o Pladiga é a colaboración cos concellos nos labores de prevención e extinción de incendios. Na actualidade, esta colaboración materializouse en convenios con 263 concellos e cinco mancomunidades, que posibilitaron actuar en tres direccións. Por unha banda, os convenios permitiron a participación nos labores forestais de vehículos motobomba. Por outra, estes acordos facilitaron a realización de tratamentos preventivos con equipamentos mecanizados. Finalmente, a colaboración entre a Xunta e os concellos fixo posible a contratación durante tres meses de brigadas destinadas a labores de vixilancia e defensa do monte, e de retirada manual de masas vexetais de risco.

Estes acordos supuxeron a activación de 251 brigadas municipais, capacitadas para actuar nunha superficie total cercana ás 19.500 hectáreas, contando as accións manuais e as mecanizadas. A esta cifra hai que engadir as preto de 600 hectáreas nas que se realizaron traballos preventivos a través dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

Ademais destes acordos, a Xunta asinou un convenio de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e con Seaga, que permite realizar accións preventivas de carácter subsidiario en preto de 2.600 hectáreas, así como xestionar a biomasa en viais de titularidade municipal nun ámbito de 2.590 quilómetros, favorecendo aos 259 concellos galegos adheridos a este acordo. O grupo de concellos beneficiados medrará, xa que hai rexistradas catro novas solicitudes de adhesión. A maiores destas medidas, o convenio incluiu unha serie de parroquias priorizadas, o que supuxo engadir outras 5.300 hectáreas á superficie de cobertura do Plan.

O aproveitamento silvícola do monte serve como ferramenta de prevención dos lumes forestais, ao tempo que contribúe ao desenvolvemento sostible do territorio. (Foto: Pixabay).

MÁIS INICIATIVAS PARA EVITAR OS LUMES E FOMENTAR O DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

Fóra deste plan específico de prevención dos incendios forestais, o Pladiga contempla outras iniciativas que teñen como obxectivo principal anticiparse aos lumes, incidindo no aproveitamento sostible dos montes. Xunto ao reforzo dos equipamentos materiais, establécense fórmulas como o plan de pastos e a posta en marcha de aldeas modelo, polígonos agroforestais e accións de silvicultura preventiva. Para todo isto, cóntase cunha dotación económica que supera os 33 millóns de euros.

En relación ao material, na Xunta continúan a investir na adquisición e o mantemento, entre outros recursos, de motobombas, así como na construción e o arranxo de emisoras e bases aéreas, ademais do aluguer de vehículos destinados a brigadas e axentes.

Respecto ás actuacións de aproveitamento sostible, a Xunta ten en marcha o Plan de Pastoreo de Galicia para ordenar esta dobre función preventiva e de desenvolvemento do territorio. Ao abeiro desta iniciativa, recuperaranse preto de 2.250 hectáreas, que permitirán ampliar a base territorial das explotacións, de xeito que a actividade agrogandeira gañe en rendabilidade e contribúa a frear o envellecemento poboacional do rural. Ademais, o aproveitamento dos pastos nos montes en man común facilita a aposta por unha cabana de razas autóctonas e pola produción sostible de carne.

A mobilización de terras dá como resultado non só a prevención dos riscos de lumes forestais, senón tamén o xurdimento de novas fórmulas de aproveitamento, como as aldeas modelo e os polígonos agroforestais. Deste xeito, recupéranse parcelas abandonadas ou actívase o rendemento doutras superficies que xa se están a traballar, mediante a diversificación dos cultivos. Por exemplo, o plan para as preto de 25 aldeas modelo que a Xunta quere aprobar neste 2020 vai actuar en dúas fases. En primeiro lugar, lévase a cabo a retirada de masa vexetal nas franxas que rodean as vivendas, eliminando a maleza e exemplares de pino, eucalipto e acacia. A continuación, no espazo resultante promoverase a actividade agrogandeira, para converter estas franxas en devasas naturais e anticiparse así aos lumes.

Pola súa banda, o fomento da silvicultura preventiva inclúe medidas para evitar os danos polo lume ou por outros desastres naturais, ao tempo que se incrementa a posta en valor ambiental dos ecosistemas forestais. Coidar o monte é unha completa estratexia de desenvolvemento, que non só preserva o legado natural dunha comunidade, senón que abre a porta a un progreso máis sostible e duradeiro para o conxunto do territorio.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Case 40.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética en espazos comunitarios de Bóveda

Seguinte Nova

Como gastar 1.000 euros nunha hora de compras por Sarria

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: