Deputación e Consorcio asinan un convenio para impulsar a promoción da Ribeira Sacra

Os 25.000 euros contribuirán a financiar a actividade da entidade turística

Rolda de prensa posterior á sinatura do convenio, coa presenza do presidente da Deputación, José Tomé, e do presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, o 7 de xullo. GPDL

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra vén de asinar coa Deputación de Lugo un convenio de colaboración, que lle permitirá dispoñer de 25.000 euros para facer fronte aos gastos de funcionamento, así como á realización de actividades que promocionen este territorio como destino turístico.

NA CONTA ATRÁS PARA SER PATRIMONIO DA HUMANIDADE E RESERVA DA BIOSFERA

Na sinatura do convenio, o 7 de xullo, participaron o presidente da Deputación, José Tomé, e o do Consorcio, Luis Fernández Guitián, que salientaron a especial importancia deste convenio nun momento no que a Ribeira Sacra pode convertirse en Patrimonio da Humanidade e en Reserva da Biosfera. Ambos desafíos “suporán unha grande oportunidade para dar un gran espaldarazo ao turismo da zona sur e do conxunto da provincia”, segundo apuntou Tomé.

O CONSORCIO, ELEMENTO CLAVE PARA IMPULSAR A RIBEIRA SACRA A TRAVÉS DO TURISMO

Neste esforzo por “artellar moitas das apostas de futuro” en canto á promoción do territorio, Tomé destacou o labor que realiza o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, así como os concellos, o sector do viño e a propia Deputación. O titular do organismo provincial salientou a “aposta decidida” da institución que preside “polo interior da provincia e por un modelo de turismo sostible, de calidade, non masificado”, e que ten como eixos de acción a natureza, a cultura, o patrimonio, a gastronomía e o enoturismo.

Este convenio chega nun momento en que na Ribeira Sacra “estamos a xogar dous partidos moi importantes”, segundo sinalou Fernández Guitián, en referencia ás declaracións de Reserva da Biosfera e Patrimonio da Humanidade, que se resolverán nos vindeiros meses. O presidente do Consorcio de Turismo considerou “moi importante” esta achega de 25.000 euros, “tendo en conta que contamos cun orzamento limitado”. Guitián salientou que “a Deputación sempre cumpre co seu compromiso” colaborando económicamente co Consorcio, porque “é consciente da importancia do turismo na provincia e na zona sur”.  

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Noticia Anterior

O sur de Lugo perde temporalmente dúas feiras temáticas do verán

Siguiente Noticia

Deseños clásicos do automóbil véronse en Monforte no arranque do VIII Rally Turístico Terras do Incio

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: