Reactivan axudas por case 280.000 euros para executar canto antes 11 recursos turísticos da zona sur

A Xunta vén de notificar estas achegas, que se tramitarán máis rápido en forma de convenios cos dez concellos beneficiados

Foto de arquivo dos primeiros traballos de recuperación dos alpendres de Cadeiras, que o Concello de Sober levou a cabo hai uns anos. (Arquivo EC)

O impulso de Galicia como destino turístico seguro está tomando forma en accións concretas, como a activación de obras de mellora en puntos de interese que poidan atraer visitantes e poñer en valor o territorio. Con este fin, a Consellería de Cultura e Turismo notificou, a finais de xuño, un conxunto de axudas por un importe total de 279.500 euros, que permitirán a dez concellos da zona sur executar canto antes un conxunto de 11 proxectos. Para que este trámite sexa máis rápido, a Xunta cambiou a fórmula administrativa das axudas, que se farán vía convenio entre a administración autonómica e a local, o que permitirá garantir a súa execución.

CONVERTER O RURAL GALEGO NUNHA DAS OFERTAS TURÍSTICAS DE GALICIA COMO DESTINO SEGURO

Segundo lembraron dende Cultura e Turismo, os proxectos subvencionados buscan poñer en valor a riqueza histórica, paisaxística, cultural e patrimonial destes destinos, facilitando que poidan resultar estratéxicos na nova etapa que comeza trala pandemia. Dentro das accións que a Xunta desenvolve para promover Galicia como destino seguro, conta con especial forza a creación de oferta en destinos rurais de interior.

DOUS PROXECTOS EN QUIROGA, CON AXUDAS QUE SUMAN CASE 60.000 EUROS

Entre os dez municipios da zona sur aos que se notificaron estas axudas, Quiroga será o único que financiará dous proxectos. Este concellos disporá de 30.000 euros para o acondicionamento dunha área de lecer na zona do Albergue, e doutros 27.400 euros para a sinalización do Xeoparque da UNESCO Montañas do Courel. Nos concellos veciños, a Xunta habilitou unha liña de 24.270 euros para que o Consistorio de Ribas de Sil asuma a maquinaria e os materiais cos que rematar o edificio do futuro Museo da Minaría Romana. En Folgoso do Courel, o Concello conta con 25.000 euros de Cultura e Turismo para sinalizar e acondicionar diversos recursos turísticos.

Pola súa banda, en Chantada poderase construir un miradoiro e acondicionar unha área de descanso co apoio económico da Xunta a través dunha achega de 20.500 euros.

DOUS MIRADOIROS, SINALIZACIÓN INTELIXENTE DE RECURSOS TURÍSTICOS, E POSTA EN VALOR DE ESPAZOS ETNOGRÁFICOS OU MONUMENTAIS, ENTRE OUTRAS ACCIÓNS NA TERRA DE LEMOS

Na comarca de Lemos, as subvencións da Xunta repártense pola totalidade dos concellos. En Monforte de Lemos, os case 30.000 euros achegados por Cultura e Turismo permitirán accións de posta en valor da Torre da Homenaxe e do patio interior do Centro do Viño. Os preto de 23.000 euros destinados a Pantón custearán a sinalización intelixente dos recursos turísticos que hai neste Concello. No Saviñao, van empregar os 22.500 euros concedidos pola Xunta para un miradoiro con vistas ao meandro “Cabo do Mundo”. Para Sober, a Consellería aporta cerca de 25.000 euros para a rehabilitación e posta en valor dos alpendres tradicionais do Santuario de Cadeiras. En Bóveda, a aportación autonómica de 22.000 euros irá destinada a rehabilitar o conxunto etnográfico do Souto e a contorna da piscina municipal, na Ponte de Bóveda e Camiño do Souto. Finalmente, o Concello da Pobra do Brollón empregará os 30.000 euros de subvención da Xunta en habilitar un espazo de estacionamento de vehículos para uso dos visitantes preto da mina romana de ouro de Os Medos.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Noticia Anterior

Arranxan un tramo da estrada paralela ao Camiño de Santiago en Triacastela

Siguiente Noticia

Sober desenvolverá no mes de xullo unha nova edición do campamento de verán “Coñece o teu Concello”

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: