Deputación e Concello de Sarria asinarán un novo convenio por 150.000 euros para executar as obras neste punto
A colaboración institucional entre a Deputación de Lugo e o Concello de Sarria permitirá dar un paso máis na recuperación da Ponte Ribeira, un emblemático punto de tránsito neste municipio e fito de interese no Camiño de Santiago.
ACTUALIZACIÓN DO CONVENIO DO ANO PASADO QUE QUEDARA SEN EXECUTAR
O compromiso entre o organismo provincial e o Consistorio sarriao materializarase nun novo convenio, por importe de 150.000 euros, para a execución das obras precisas que permitan a reapertura desta ponte. Así o anunciou o presidente da Deputación, José Tomé, no encontro que mantivo en Sarria co alcalde da vila xacobea, Claudio Garrido, o pasado 19 de xuño. Tomé explicou que o novo convenio dará forma ao protocolo, asinado en decembro pasado, polo que se restituía o acordo xa existente entre ambas institucións para este mesmo fin. “Mantemos a mesma achega económica que no anterior convenio”, salientou o mandatario provincial, para o que esta aportación de 150.000 euros suporá “un investimento importante cun impacto tamén moi importante para Sarria”. Cómpre lembrar que o convenio de 2019 perdera vixencia sen que fosen executadas as obras, como destacou o propio Tomé na reunión de Sarria.
GARRIDO: UN “PROXECTO ILUSIONANTE LOGO DE SEIS ANOS DE INCERTEZAS”
Pola súa banda, o alcalde, Claudio Garrido, amosou a súa satisfacción por este acordo, que facilitará unha solución para a Ponte Ribeira. Garrido fixo referencia aos “seis anos de incertezas” que parecen chegar ao seu fin con este “proxecto ilusionante” co que se fai “un servizo á cidadanía”. O alcalde de Sarria destacou o compromiso do Goberno local que preside para “seguir traballando desde a lealdade institucional con todas as administracións para sacar proxectos adiante”.
Na reunión celebrada no Concello de Sarria tamén asistiu o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, que lembrou “o total respaldo” deste organismo para facilitar a posta en marcha e o desenvolvemento deste proxecto.