Arranca a fase teórica do plan formativo da Deputación para atraer mocidade ao rural

No programa “Prende! Bota raíces no rural” participan 50 mozos e mozas, que realizarán práticas remuneradas en empresas durante oito meses

Comezo das clases teóricas nunha das cinco especialidades que abrangue o programa «Prende! Bota raíces no rural», promovido pola Deputación de Lugo. GPDL

Medio cento de mozos e mozas lucenses están a iniciar a fase teórica do programa “Prende! Bota raíces no rural”, posto en marcha pola Deputación de Lugo para crear emprego xuvenil e fixar poboación nas zonas con menos densidade da provincia. O programa combina a formación teórica con práticas remuneradas en empresas, con posibilidade de contar cun apoio económico para os que decidan emprender os seus propios negocios.

O programa provincial “Prende! Bota raíces no rural” conta cun orzamento de 300.000 euros, financiados ao 92% polo Fondo Social Europeo.

50 ALUMNOS REPARTIDOS EN CINCO ESPECIALIDADES

O día 15 de xuño comezaron as sesións formativas para os 50 participantes, que poden seguir as clases de forma presencial ou telemática, ata o 13 de xullo. Esta fase teórica distribúese en cinco modalidades, que abranguen dende a hostalería ata a agricultura ou a formación en autoemprego. O módulo de Hostalería e Turismo conta con 14 alumnos, que se forman na Asociación de Hostalería de Monforte. A modalidade de Agricultura e Gandaría dispón de oito prazas, titorizadas por Unións Agrarias na Granxa Gayoso Castro. Os nove alumnos que cursan a especialidade de Medio Ambiente reciben a súa formación en Pedrafita do Cebreiro, a cargo da Asociación Sectorial Forestal Galega. Pola súa banda, a Asociación Empresarial Eólica imparte no Valadouro o módulo de Enerxía e Auga, que conta con 13 alumnos. Por último, a especialidade de Autoemprego está titorizada pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Lugo.

MÍNIMO DE 900 EUROS MENSUAIS DURANTE OS OITO MESES DE PRÁTICAS EN EMPRESAS DO SECTOR ESCOLLIDO

Unha vez completadas as sesións teóricas, os 50 participantes comezarán a fase de práticas remuneradas en empresas do sector escollido. Para levar a cabo esta función, as empresas adheridas recibirán da Deputación de Lugo unha achega de 4.410 euros por persoa contratada, que percibirá un mínimo de 900 euros mensuais durante os oito meses que duran as práticas. Para aqueles alumnos que opten polo emprendemento, a Deputación destina unha achega de 5.510 euros como axuda para botar a andar o seu negocio.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os Campamentos Deportivos de Verán de Monforte medran en prazas e duración

Seguinte Nova

Novo acordo institucional para dar solución á Ponte Ribeira

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: