Máis dunha vintena de desempregados traballarán na zona sur coidando o monte

Os contratos financiaranse co programa Aprol Rural, ao que a Xunta destina 317.000 euros nas comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga

O mantemento do monte en boas condicións repercute no seu aproveitamento, e reduce o risco de incendios forestais. (Foto: Arquivo EC)

As achegas do programa Aprol Rural, co que a Xunta fomenta o emprego local, beneficiará a 23 desempregados en 11 municipios do sur lucense. A dotación económica, que ascende a 317.000 euros, permitirá financiar a totalidade dos custos laborais destes novos contratos, que serán a tempo completo durante nove meses.

Dende a Delegación Territorial da Xunta destacaron que o Executivo autonómico atendeu todas as solicitudes, para dar luz verde nas vindeiras semanas a estes contratos. O proceso de selección estará a cargo dos concellos, mediante a presentación previa dunha oferta na oficina pública de emprego correspondente.

UNHA DUCIA DE NOVAS CONTRATACIÓNS NA COMARCA DE LEMOS CO APROL RURAL

Na comarca de Lemos, Monforte de Lemos recibirá 55.000 euros para catro contratos, importe lixeiramente superior aos 53.733 euros que percibirá O Saviñao para un número similar de contratacións. A Pobra do Brollón contará con 27.500 euros para dous contratos, e o resto dos municipios da comarca, agás Bóveda, poderán contratar cadanseu traballador con achegas do Aprol Rural en torno aos 13.500 euros.

CATRO NOVOS EMPREGOS NA COMARCA DE CHANTADA

En terras chantadinas, Taboada é o municipio máis beneficiado polo Aprol Rural, xa que poderá facer dúas contratacións con case 27.500 euros. Pola súa banda, Carballedo percibirá 16.500 euros para formalizar un contrato, mentres que Chantada fará o mesmo con 13.746 euros.

SETE CONTRATOS DO APROL RURAL NA COMARCA QUIROGUESA

No Courel, o Concello de Folgoso percibirá 41.250 euros para tres contratacións, número que baixa a dous tanto en Quiroga como en Ribas de Sil. En ambos casos, a achega do Aprol Rural será de 27.500 euros.

10 CONTRATOS NA COMARCA DE SARRIA

Ademais destas contratacións na zona sur, todos os concellos da comarca de Sarria percibirán axudas do Aprol Rural para contratar a persoas sen emprego. O municipio con máis achegas será O Incio, que terá 55.000 euros para facer catro contratos. Para o resto, habilítase unha contratación por Concello, con achegas arredor dos 13.700 euros, agás no caso de Sarria, que percibirá 18.986 euros.

PERSOAL PARA PREVENCIÓN DE INCENDIOS E APROVEITAMENTO DO MONTE

Un dos obxectivos do programa Aprol Rural é dinamizar a posta en marcha de novas actividades no ámbito rural e local, ao tempo que se dá aos desempregados a posibilidade de adquirir formación e experiencia para mellorar a súa empregabilidade.

Con este fin, boa parte dos novos contratados realizarán labores vinculados á prevención de incendios forestais, como limpeza de montes, silvicultura, valorización forestal, xestión de biomasa ou planificación preventiva.

Os concellos de menos de 2.000 habitantes poderán volver a contratar a persoas que xa se beneficiaran do Aprol Rural no exercicio de 2019. Ademais, os municipios adheridos ao Doing Business de concellos emprendedores contan de partida con axudas para un mínimo de dúas contratacións.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Arrancan en Brollón os Concertos na Terceira Fase para apoiar a hostalería e a cultura

Seguinte Nova

A Xunta renova máis de 70 camas en centros residenciais da zona sur

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: