Case 44.000 euros da Xunta para que 9 concellos do sur contraten 14 socorristas

No conxunto da provincia, as achegas suman 324.000 euros, e permitirán contratar 100 socorristas en 40 municipios

Os 14 socorristas contratados na zona sur coas achegas da Xunta vixilarán piscinas e áreas fluviais en nove concellos. (Foto: Arquivo EC).

Ás portas do verán, os concellos preparan as praias, piscinas e áreas fluviais para que os usuarios desfruten do seu lecer con todas as garantías. Coas axudas que vén de aprobar a Xunta, 40 concellos da provincia de Lugo poderán contratar a 100 socorristas. En conxunto, o Executivo autonómico achegará 324.000 euros, dos que case 44.000 irán a nove municipios da zona sur para que contraten a 14 socorristas durante esta tempada de verán.

ACHEGAS PARA DÚAS CONTRATACIÓNS POR CONCELLO EN PARADELA, O SAVIÑAO, PANTÓN, QUIROGA E SOBER

Nas comarcas do sur lucense, o municipio máis beneficiado será Paradela, que recibirá 6.398 euros para contratar dous socorristas. Pola súa banda, O Saviñao disporá de 6.257 euros para realizar dúas contratacións, o mesmo número que Pantón, cunha achega neste caso de 6.029 euros.

Tamén poderán contratar dous socorristas por municipio Quiroga e Sober, grazas a cadansúa subvención da Xunta por importe de 6.000 euros.

CARBALLEDO, TABOADA E CHANTADA TERÁN SUBVENCIÓN PARA UN SOCORRISTA POR CONCELLO, COMO LÁNCARA

O resto dos municipios do sur incluídos nesta liña de achegas autonómicas poderá contratar a un socorrista, con aportacións que oscilan entre os 3.771 euros que percibirá Carballedo, e os 3.000 de Láncara. Os importes aprobados para Taboada e Chantada son de 3.352 e 3.083 euros, respectivamente.  

MELLORES SERVIZOS MUNICIPAIS, E MÁIS INSERCIÓN LABORAL PARA DESEMPREGADOS  

A delegada territorial en funcións, Marta Barreiro, salientou que a Xunta atendeu todas as solicitudes dos concellos interesados en contratar socorristas. Barreiro destacou que esta liña de axudas dá apoio aos municipios, reforzando os servizos que prestan á cidadanía. Ademais, estas achegas contribúen a fomentar a contratación de desempregados, ofrecéndolles formación e experiencia para mellorar a súa inserción laboral.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Noticia Anterior

Visita institucional á Cruz Vermella de Sarria

Siguiente Noticia

Arrancan en Brollón os Concertos na Terceira Fase para apoiar a hostalería e a cultura

Últimas noticias sobre EMPREGO

A %d blogueros les gusta esto: