A comarca de Quiroga disporá de unha das tres novas unidades de atención temperá da provincia

A Xunta financia a posta en marcha destes tres servizos, máis a consolidación doutras tres

A atención temperá permite detectar a tempo diversos trastornos do desenvolvemento dos cativos ata 6 anos. (Foto: Pixabay)

A zona do Courel contará cun novo servizo de atención temperá que permitirá detectar a tempo diversos trastornos do desenvolvemento dos cativos entre 0 e 6 anos. A Consellería de Política Social vén de aprobar unha axuda para financiar este proxecto, solicitado de forma conxunta polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel. A axuda autonómica para esta iniciativa ascende aos 12.296 euros.

23 CONCELLOS LUCENSES CONTARÁN CON ESTE SERVIZO

Esta unidade, que estará integrada por un equipo de profesionais en desenvolvemento infantil e atención temperá, forma parte da quenda de tres novos servizos que se estrearán na provincia de Lugo, con apoio de Política Social. O Executivo galego tamén aprobou axudas para a consolidación doutras tres unidades deste tipo, que dan servizo a varias agrupacións de concellos lucenses, unha delas formada por Antas de Ulla, Monterroso e Portomarín. En total, beneficiaranse destes servizos 23 concellos lucenses.

IDENTIFICAR OS TRASTORNOS NOS CATIVOS ATA OS 6 ANOS, PARA APLICAR UN TRATAMENTO PRECOZ AXEITADO A CADA CASO

Segundo explicaron dende a Consellería, as unidades de atención temperá permiten previr e identificar trastornos do desenvolvemento en nenos e nenas dende 0 ata 6 anos, o que fai posible aplicar a tempo o tratamento axeitado para cada caso. Con este obxectivo, cada unidade está integrada por un mínimo de tres profesionais, expertos en disciplinas como medicina, logopedia, pedagoxía, psicopedagoxía, traballo social, educación social, maxisterio, enfermaría, fisioterapia, ou terapia ocupacional.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Só dous casos novos de coronavirus detectados nas últimas 24 horas.

Seguinte Nova

Monforte quere “recuperar a súa historia” cunha nova ponte de ferro dende o Malecón á Corredoira

Últimas noticias sobre EDUCACIÓN

A %d blogueros les gusta esto: