12.000 mascarillas do Concello para dar seguridade ao comercio e á hostelería de Monforte

O Goberno local anuncia un próximo reparto para a poboación en xeral, con mascarillas infantís e de adulto

O alcalde, José Tomé, e a tenente de Alcalde, Gloria Prada, na entrega das mascarillas ao presidente do CCU, Juan Carlos González, e a responsables da delegación sur da APEHL, Beatriz Vila, o 18 de maio. GPCM

A mediados de maio, o Concello de Monforte realizou un novo reparto de mascarillas, nesta ocasión destinadas a cubrir as necesidades do comercio e da hostalería cun lote de 12.000 unidades. Na tarde do 18 de maio, o alcalde, José Tomé, entregou unha partida de 6.000 mascarillas ao presidente do CCU Monforte, Juan Carlos González, e outra con idéntica cantidade á responsable da delegación local da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo (APEHL), Beatriz Vila.

“SEGURIDADE” PARA AFRONTAR A FASE 1 DA DESESCALADA

Tomé explicou que as mascarillas non só se destinan aos establecementos asociados, senón á totalidade dos locais de comercio e da hostalería. “Dende o Concello queremos dotar destes elementos de protección a dous dos sectores que máis relevancia teñen de cara ó trato directo cos seus clientes”, salientou. O rexedor precisou que, con este reparto de mascarillas sanitarias, o Concello axuda aos comerciantes e hostaleiros de Monforte a “garantir a seguridade dos profesionais do comercio e da hostalería, así como aos seus empregados e clientes”.

Para valorar o impacto desta medida, José Tomé comparou o caso do Concello da Coruña que, cunha poboación de case 250.000 habitantes, repartiu 25.000 mascarillas entre o comercio e a hostalería. “Nós proporcionamos 12.000 mascarillas nunha cidade que conta con perto de 19.000 habitantes”, precisou. Ademais, Tomé adiantou que o Concello cubrirá a demanda de mascarillas destes sectores, se algunha empresa necesitara máis unidades.

En canto á cobertura da poboación xeral, o alcalde lembrou que xa se repartiron 72.000 unidades, con mascarillas infantís e de adulto. Tomé anunciou que está pendente de recibirse no Concello un novo pedido de mascarillas sanitarias para distribuír entre a veciñanza nos vindeiros días, previo aviso nas redes sociais do Consistorio e nos medios de comunicación.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Rematan os traballos de arranxo da cuberta do IES Río Cabe

Seguinte Nova

As familias do Incio reciben a domicilio un pack de protección para evitar contaxios

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: