Xunta e adegueiros valoraron o impacto da crise sanitaria e as medidas para reactivar o sector

En canto ás subvencións, flexibilízanse os prazos de execución para non perder as achegas por mor do estado de alarma

O conselleiro do Medio Rural, José González, co director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, na videoconferencia cos responsables do sector vitivinícola, o pasado 6 de abril. GPXG

O sector do viño fixo chegar á Xunta as súas demandas por mor da crise do coronavirus, na reunión mantida co conselleiro do Medio Rural, José González, o pasado 6 de abril. O titular autonómico mantivo unha xuntanza telemática a través de videoconferencia cos presidentes das Denominacións de Orixe dos viños galegos, e das Indicacións Xeográficas Protexidas dos licores e dos augardentes de Galicia.

ESPAZOS LABORAIS MÁIS SEGUROS PARA OS TRABALLADORES

Un dos puntos tratados no encontro telemático foi a creación de espazos de traballo seguros para os profesionais e operarios, aspecto no que se vai avanzar tendo en conta as aportacións achegadas polos responsables destes organismos.

LIÑA DE FINANCIAMENTO PARA PEMES E AUTÓNOMOS

No aspecto económico, González explicou aos presidentes das Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas as condicións da liña de financiamento que sacou a Xunta a comezos de abril, coa que pretende inxectar liquidez a pemes e autónomos para paliar as consecuencias da hibernación económica pola pandemia do coronavirus. O conselleiro lembrou que esta financiación permitirá ás empresas e emprendedores atender pagos de nóminas, facturas, impostos e alugueres.

Esta liña de financiación está dotada con 30 millóns de euros, para permitir a mobilización de 250 millóns de euros en préstamos entre empresas galegas. En cifras concretas, González precisou que a liña aberta pola Xunta avalará entre 3.000 e 200.000 euros por negocio, cun prazo de amortización de ata 4 anos máis un de carencia e cun máximo dun 1,5% de xuros, que serán bonificados ao cento por cento pola Xunta.

LIÑA DIRECTA DE COMUNICACIÓN ENTRE A XUNTA E O SECTOR VITIVINÍCOLA

Para manter un contacto directo e sostido co sector, a Xunta abrirá un espazo específico, dentro da páxina web da Consellería do Medio Rural, no que os profesionais e empresarios do eido vitivinícola poidan achegar as súas demandas e necesidades en materia económica. Por esta vía, tamén serán informados das iniciativas e medidas que a Xunta poña en marcha para minimizar o impacto económico da pandemia no sector.

PRAZOS DE EXECUCIÓN MÁIS FLEXIBLES PARA NON PERDER SUBVENCIÓNS

Dentro desta colaboración institucional, González anunciou que a Consellería vai flexibilizar os requisitos esixidos para as subvencións destinadas ao sector vitivinícola. Con esta medida, trátase de que os posibles beneficiarios non queden fóra das achegas por non poder executar as accións requeridas debido ás limitacións polo estado de alarma.

En concreto, o conselleiro puntualizou o detalle que afecta a dúas quendas de subvencións. En relación ás axudas para a reestructuración e reconversión do viñedo, correspondentes á convocatoria de 2020, só o 5% das solicitudes estaban obrigadas a realizar a acta de non inicio. Para os solicitantes que non estean dentro de dita porcentaxe, e necesiten e soliciten a acta de non inicio, só terán que achegar unha declaración responsable e unha reportaxe fotográfica. A Consellería encargarse de verificar a información no Rexistro Vitícola de Galicia e mediante o SIXPAC.

Para os expedientes da convocatoria de 2019 que teñan como prazo de execución o 31 de maio de 2020, poderase solicitar unha modificación da súa resolución para pasar de operación anual a bianual, ou incluso reducir operación sen penalización algunha.

Así mesmo, González precisou que na convocatoria de 2018 non existe, de momento, a opción de modificar as resolucións bianuais a trianuais, pero aínda estarían en prazo de execución ata o 31 de xullo de 2020.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Maite Ferreiro insta aos concellos a solicitar que se derogue a Lei Montoro

Seguinte Nova

O persoal de Urxencias do Hospital de Monforte fixo público un escrito de agradecemento

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: