Conta atrás para o inicio dun novo ciclo de carreiras populares no sur de Lugo

•O sábado 7 de marzo será a III Carreira da Muller en Sarria •A XII Carreira Popular Concello de Monforte terá lugar o domingo 22 de marzo •Xa en maio, o sábado día 2 celebrarase a XI Carreira Popular de Chantada

Imaxe de arquivo da carreira popular de Sarria. Arquivo EC

. Xa está aberto o prazo de inscrición nas primeiras carreiras populares que se celebrarán este ano na zona sur da provincia. A cita inaugural será en Sarria o 7 de marzo, coa III Carreira da Muller, para continuar o domingo 22 de marzo coa XII Carreira Popular Concello de Monforte.

CARREIRA E ANDAINA POR ASFALTO E NATUREZA EN SARRIA
A III Carreira de Sarria Vivas e Visibles comezará ás 18:00 horas do sábado 7 de marzo, cun percorrido de 5 quilómetros, que mistura asfalto e natureza. O pelotón sairá do bulevar de Calvo Sotelo no cruce de Catro Camiños. Este será tamén o punto de partida da andaina, cun trazado similar, e saída ás 18:05 horas.

INSCRICIÓN ATA O 4 DE MARZO PARA A PROBA DE SARRIA
A carreira organízase en sete categorías, repartidas por grupos de idade dende os 12 ata os 65 anos en adiante. Haberá medalla para os tres mellores clasificados en cada categoría, e trofeo para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres.
O prazo para a inscrición, que se realizará on line no portal www.championchipnorte.com, remata o 4 de marzo.

10 QUILÓMETROS NA ABSOLUTA DE MONFORTE
Dende o ano pasado, a proba monfortina ten un percorrido de 10 quilómetros completamente urbano e estruturado en dúas voltas de 5 quilómetros. Na mesma xornada, terán lugar os xa tradicionais circuítos das categorías menores, de 80, 700, 1.300 e 2.000 metros. O punto de saída e meta será, como de costume, a Praza da Compañía.
Nas categorías menores, levarán trofeo os tres primeiros clasificados en cada categorías, agás de mini, de carácter non competitivo, na que se entregará medalla e paquete de lambetadas a todos os participantes.

SEIS CATEGORÍAS DE PREMIOS EN MONFORTE
Na carreira absoluta, recibirán trofeo e premio en metálico as tres primeiras corredoras clasificadas e os tres primeiros corredores. O primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 200, e o terceiro de 100. Ademais, na absoluta haberá premio especial de trofeo e agasallo para os tres primeiros clasificados, na categoría masculina e feminina, que estean empadroados en Monforte. Por último, o premio por equipos outorgará trofeo ás tres formacións mellor clasificadas, que deberán ser paritarias, con dous homes e dúas mulleres, ou con tres homes e tres mulleres.
As inscricións, gratuítas, xa se poden facer na web www.championchipnorte.com.

EN MAIO, CITA CO RUNNING EN CHANTADA, CORAZÓN DE GALICIA
O sábado 2 de maio terá lugar a edición número once da Carreira Popular de Chantada- 10 Quilómetros no Corazón, proba solidaria a favor de O Recuncho Solidario. Ademais das categorías menores, haberá un circuíto pola integración e xogos populares con acompañamento para os máis cativos.•

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Noticia Anterior

Conta atrás para que a UNESCO valore a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Siguiente Noticia

Os populares de Galicia denuncian dende Monforte “a dramática situación” do servizo ferroviario

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: