Representantes do Banco de Terras de Galicia mantiveron este mes un encontro cos veciños da parroquia de Bendollo, en Quiroga, para amosarlles o proxecto de recuperación de terras baldías con plantación de oliveiras. O Centro Social de Quiroga acolleu esta xuntanza, na que participou o subdirector de Mobilidade do Banco de Terras de Agader, Alejandro Ignacio Sánchez, acompañado polo alcalde, Julio Quiroga, e técnicos da Xunta e do Concello.
Na reunión, Alejandro Sánchez precisou que o programa denominado «Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial»que impulsa o Banco de Terras da Xunta inclúe un total de 30 hectáreas de terreos nesta zona. As parcelas, case todas de man común, están abandonadas, polo que se poñerán en valor coa plantación de oliveiras de especies autóctonas.
A recepción inicial dos veciños a este plan da Xunta foi positivo, o que permite aos técnicos comezar a identificación dos terreos, emprazados en dúas zonas diferentes deste núcleo quirogués. Segundo explicaron dende o Concello, unha vez completada a identificación das parcelas, a Xunta acoutará e rozará os terros. Finalmente, o Banco de Terras negociará coas partes os prezos e prazos para establecer os correspondentes contratos de arrendamento.
Alejandro Sánchez precisou que os donos manterán a propiedade das parcelas que entren no Banco de Terras, e nelas só se poderán plantar oliveiras. En caso de impago do arrendamento, a Xunta asumirá as cotas do contrato. Ao remate do contrato, o propietario recuperará a parcela en mellores condicións. •
Últimas noticias sobre ECONOMÍA
O Concello de Sober converteuse esta semana no epicentro do lanzamento do «O Encontro de Sober»,
Este luns, 1 de abril, abre o prazo para presentar solicitudes ao programa ReAcciona da Xunta
Remarca a súa colaboración institucional para que manteña a súa sede en Monforte, e propón a
A Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra organizou unha xornada para presentar propostas para a elaboración do
Desde a Xunta de Galicia, os populares galegos apoian o investimento, mentres nacionalistas e socialistas móstranse