A Deputación supera o millón de euros en novos arranxos de estradas

•Melloras en A Pobra do Brollón, Paradela, Folgoso do Courel, Sober e Samos

As obras na Pobra do Brollón empezaron a mediados de setembro. O presidente da Deputación coñeceu en directo o inicio dos traballos. GPDL
Un total de oito quilómetros de estradas están a ser melloradas pola Deputación de Lugo no municipio da Pobra do Brollón. Os traballos comezaron na segunda semana de setembro, e afectan a catro viais de titularidade provincial. Ademais das actuacións en marcha na Pobra do Brollón, a Deputación de Lugo iniciou o curso cunha nova inxección en investimentos na rede provincial de estradas. En total, son 3 millóns os que custearán os arranxos en 57 quilómetros de 28 estradas de 11 municipios. Na zona sur, van supoñer un investimento de máis de un millón de euros que van afectar aos concellos de Paradela, Folgoso do Courel, Sober e Samos.
OBRAS ATA OUTUBRO
En primeiro lugar, na Pobra do Brollón xa comezaron os arranxos no vial LU-P-4703, que transcorre dende a LU-652 a Santalla de Rei á LU-653, do punto quilométrico 4,6 ao 6,8.
As actuacións continúan no trazado da LU-P-4707 da Pobra do Brollón por Sáa a Veneira de Roques, mellorando o tramo dende o punto quilométrico 1 ata o 2,8. Seguidamente, vaise actuar entre os puntos 2,2 e 4,8 da LU-P-4710 dende a LU-P-4701 en Salcedo ata a Estación da Pobra. Na estrada LU-P-4702 de Vilachá por Rozabales á Estación, as obras afectan aos primeiros 1,2 quilómetros.
MÁIS DUNHA DUCIA DE NÚCLEOS CON 700 VECIÑOS
A importancia destes traballos para mellorar a calidade de vida da veciñanza foi destacada polo presidente da Deputación, Darío Campos Conde, que se achegou ata A Pobra o día de inicio dos traballos.»Con estas obras, melloramos os accesos a doce núcleos do rural deste municipio», precisou. En concreto, segundo explicou Campos Conde, serán 700 veciños dos núcleos de Vilachá, Salvadur, Airexa, Salgueiros, Piño, Veiga, Santa de Rei, Santo Adrián, Fondorallo, Salcedo, Martul e Castroncelos os beneficiados polos arranxos nas estradas.
Así mesmo, o presidente da Deputación destacou na Pobra do Brollón que, desta volta, complétase na súa totalidade o arranxo da estrada LU-P-4710, vial que transcorre polos núcleos de Salcedo, Martul e Castroncelos, para conectar coa estación de ferrocarril deste municipio.
MÁIS DE 100.000 EUROS EN PARADELA
O voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos Ramos, explicou a mediados de setembro o desglose do preto dun millón de euros en investimentos nas estradas do sur lucense. A Deputación ten xa contratadas, por 400.000 euros, obras en preto de 11 quilómetros que afectan a cinco estradas en Cospeito, Castro de Rei e Paradela. Neste municipio, o organismo provincial financia con 104.118 euros dúas actuacións. Por unha banda, acometerá o arranxo de medio quilómetro no inicio da LU-P-4201 de Pacios por Mosteirovello á LU-611. Ademais, vaise traballar en 2,6 quilómetros cerca do arranque da LU-P-4202 de Pacios por Aldosende a Currelos.
Dos 3 millóns desta nova quenda de investimentos, 2,6 corresponden ao total das licitacións de obras en 46 quilómetros de 23 estradas situadas en Abadín, Baleira, Muras, Portomarín, Xermade, Folgoso do Courel, Sober e Samos. Santos Ramos precisou que a partida final dependerá das ofertas presentadas e as adxudicacións.
CASE 370.000 EUROS EN ARRANXOS EN FOLGOSO
Segundo a partida inicial, 367.300 corresponden a Folgoso do Courel, municipio no que a Deputación vai arranxar 6,7 quilómetros en tramos concretos das estradas LU-P-1301, de Seoane do Courel á Estrada de Pedrafita a Palas de Rei e ramais a Piñeira e Vilela, e da LU-P-1303, de Seoane, por Visuña, a Ferramulín. Tamén van traballar na LU-P-1306, de Megoxe a Ferreira do Incio; na LU-P-4501, do Poio por Louzarela a Meiraos; e na LU-P-5601, de Samos a Caurel e ramal a Santa Mariña entre os puntos 34 e 36.
268.500 EUROS PARA ARRANXOS NAS ESTRADAS DENDE SOBER A DOADE E MONFORTE
En Sober, actuarase en catro tramos das estradas que van a Doade e Monforte, cun importe inicial de 268.500 euros. No concello de  Samos a Deputación vai mellorar 5 quilómetros nas estradas LU-P-5601 de Samos a Caurel e ramal a Santa Mariña, do punto 7,8 ao 10, e na LU-P-5303 de Aira Padrón por Ponte Lóuzara a Praducelo. A partida de licitación é de 301.000 euros. •

•Ademais das obras en estradas, o organismo provincial aprobou novos destinos para remanentes do Plan Único •A Chantada correspóndenlle 15.000 euros para melloras no Polideportivo municipal • Custearán o arranxo do pavimento interior e a construción unha rampa de acceso para persoas con mobilidade reducida

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Concello de Monforte homenaxea ao piragüista Manuel Freire

Seguinte Nova

Completada a renovación do alumeado público en catro lugares de Sober

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: