22M: Valoración dos resultados electorais no sur de Lugo

Redacción-Monforte

Representantes provinciais do PP e PSdeG-PSOE opinan sobre o novo mapa político

• As eleccións municipais deste 2011 deixaron resultados moi variados nos concellos da comarca e arredores. En Monforte por exemplo, o BNG, partido político que tiña a alcaldía, con Severino Rodríguez á cabeza, perdeu a maioría absoluta e pasou de nove a sete concelleiros, mentres que o PP experimentou unha notable subida, pasando de catro a seis concelleiros. Pola súa parte, o PSOE mantívose con catro, os mesmos que na lexislatura anterior. Outro concello a destacar é o de Sarria, no que o Partido Popular ven de arrebatar a alcaldía por maioría absoluta ao tripartito dos catro últimos anos. Pasará a ser alcalde José Antonio García. Sen embargo, en Ribas de Sil foron os socialistas quenes revalidaron a maioría absoluta, conseguindo seis dos nove concelleiros da corporación. Pola súa parte, en A Pobra do Brollón, o BNG alzouse como a forza política máis votada, mentres que en Chantada foron os Independentes. Finalmente, nos concellos de Bóveda, O Saviñao, Quiroga, Pantón e Sober, non houbo cambios significativos, posto que todos eles revalidadron a maioría absoluta co Partido Popular ao frente.

José Manuel Balseiro, Parlamentario do PP.

“A valoración que facemos na comarca de Lemos e arredores, dende logo é positiva, dado que dos doce concellos o Partido Popular vai a gobernar en oito. Pero cabe destacar especialmente o caso de Monforte de Lemos, onde pasamos dos 1.800 votos aos case 4.000, así como a baixada que tivo o BNG, que perdeu dous concelleiros e polo tanto a maioría absoluta. No resto de concellos por exemplo, en O Saviñao gañamos un concelleiro, se ben é certo que en Sober baixamos un, pero en Pantón tamén gañamos, en Quiroga mantivémonos, e en Bóveda tamén medramos en número de concelleiros. Con este panorama, os resultados temos que definilos como bos, uns resultados para un goberno que será serio, responsable e estable. Por suposto, loxicamente agradecer a todos os nosos votantes a súa confianza e apoio unha vez máis, elección tras elección, e que nos dan a entender que estamos en condicións de seguir avanzando en futuras citas. E engadir que nós vamos a seguir traballando, que é o que nos toca agora, e sobre todo con resultados tan bos. En relación ao concello de Sarria temos que facer unha valoración ainda máis positiva se cabe debido á maioría absoluta obtida. Era un goberno tripartito e con este resultado os veciños de Sarria, e do resto da provincia de Lugo, deixaron claro que non están a favor dos bipartitos nin tripartitos, de xeito que para nós satisfacción absoluta sobre todo por recuperar unha alcaldía tan importante como é a de Sarria. En canto a Chantada, é certo que non se obtiveron os resultados esperados, con todo queremos felicitar aos Independentes polos seus resultados, uns resultados que creo que ninguén esperaba. Polo demais, haberá que reconsiderar moitas cousas e facer unha valoración polo miúdo para ver onde estiveron os acertos e os erros cometidos, pero por encima de todo seguir traballando por Chantada cos tres concelleiros obtidos, neste caso, dende a oposición. Por outra banda, con respecto á Deputación sinalar que resulta incríble que cos resultados maravillosos que tivemos non podamos ter a Deputación. Destacar que na provincia de Lugo conseguimos os segundos mellores resultados por detrás de Ourense, e ainda así non foi posible, pero bueno, non puido ser polo reparto. A lei está feita así e aí non temos nada que facer. Con todo, foi un bo resultado, ainda por encima do que o PP preveía, recuperando incluso moitos concellos importantes. Finalmente, en canto á posilibidade de pactos, apuntar que onde fagan falla os pactos, as posibilidades existen sempre. No noso caso, onde temos posibilidade de pacto somos a forza máis votada, e como tal deberíamos gobernar, sería o máis lóxico porque así o decidiron os veciños, pero de facer falla un pacto sempre se abren posibilidades.”

Luis Rodríguez Edrosa, Secretario de Organización do PSdG-PSOE

“A valoración global da provincia de Lugo que temos que facer é francamente positiva dada a situación de crise que estamos a atravesar. Se a maiores o comparamos cos resultados do resto de España ou mesmo co resto de Galicia, pois ainda é máis positiva. Iso non quere dicir que non teñamos retrocedido nalgún concello, pero non en número de votos, ainda que sí en representación. Hai que ter en conta que en moitos casos son tan só 15 votos os que deciden ter un concelleiro máis ou menos. E bueno, esta circunstancia deuse en varios municipios, isto é así e hai que recoñecelo, noutra ocasión será o revés, pero agora mesmo retrocedemos creo que foi en 21 concelleiros en toda a provincia, e ainda así a análise é positiva. Máis concretamente, en canto a Monforte mantemos as expectativas xa que obtivemos uns bos resultados, conservamos tamén a alcaldía de Ribas de Sil, somos chave de goberno en A Pobra de Brollón, e no resto de concellos mantemos máis ou menos a representación. Por outra parte, no concello de Sarria teño que remitirme ao que antes dicía, cando falaba de que poden ser uns poucos votos os que decidan. Teño que apuntar sen embargo que creo que foi unha moi boa acción de goberno a de Claudio Garrido, compatibilizada en todo momento coa súa faceta de Deputado, pero bueno, por factores como a crise supoño, algún castigo tivemos, e xa a marxe de votos era pequena así que perdemos algún concelleiro. En canto ao caso de Chantada, pois en fin, eu teño que lembrar que dende a Deputación saldouse unha débeda histórica como foi a do canon, que Chantada foi un dos municipios máis beneficiado grazas a isto, así que non sei que foi o que pasou ahí exactamente, non sei cal foi o motivo. Dende logo o resultado é malo, non nos vamos a engañar, así que dende a executiva provincial analizaremos que foi o que pasou. Que un candidato independente como é o caso de Manuel Varela, se presente e arrample desta maneira con uns resultados tan bos non da unha moi boa sinal do Partido Socialista en Chantada. Pero bueno, supoño que algún motivo haberá, así que analizaremolo e por suposto tomaranse decisións. Finalmente, en canto aos pactos, dicir que nós presentámonos ás eleccións coa intención de gañar, e de gañar por maioría. Agora mesmo temos 12 concellos na provincia con maioría absoluta, e hai outros tres, que poderían chegar a ser cinco, nos que como mínimo poderíamos chegar a acordo. Falo lóxicamente do BNG. Dicir por exemplo que na Deputación a experiencia anterior foi boa, así que non vexo difícil que non cheguemos a acordo. E esta mesma premisa podémola aplicar ao resto de concellos nos que poderían darse pactos, pero bueno, resaltar que ainda non hai ningún tipo de acordo e que non sei se se fará un pacto global ou se será concello a concello.”

BNG

Ao peche desta edición, dende o Bloque Nacionalista Galego ainda non contaban con valoracións oficiais dos resultados obtidos nos concellos da comarca e arredores, de tal xeito que serán recollidos na vindeira quincena, unha vez rematen coas reunións que esán a levar a cabo.

Os independentes falan do seu resultado nos concellos con representación

• As eleccións municipais do pasado 22 de maio deixaron tamén resultados sorprendentes nos concellos nos que se presentaron formacións independentes; é o caso de Chantada, A Pobra do Brollón e Sarria. Os máis destacados sen dúbida foron os Independentes Terras do Asma, de Chantada, con Manuel Varela á cabeza, que acadaron cinco concelleiros, fronte aos tres do BNG, os tres do PP, e os dous do PSOE, arrebatándolle así a alcaldía ao bipartito actual entre PSOE e BNG. No caso de Brollón, Independentes de A Pobra do Brollón, con José Antonio García como cabeza de lista, acadou tres concelleiros situándose como a segunda forza política máis votada neste municipio. A forza máis votada foi o BNG, con catro concelleiros, que agora deberá establecer un pacto de goberno con algunha das outras formacións para acadar a maioría absoluta.Finalmente, os Independentes de Galicia, en Sarria, liderados por José Manuel Bello, foron outra das sorpresas nestas eleccións, e é que partindo de cero como novo partido deron a sorpresa e acadaron a representación con dous concelleiros. Estas son as súas valoracións.

Manuel Varela,gañador das eleccións en Chantada por Independentes das Terras do Asma.

“Estamos moi contentos e orgullosos da resposta que tivemos de todos os cidadáns de Chantada, e a verdade é que bueno, nós tíñamos algúns datos que apuntaban a que íamos a ser a lista máis votada ao cen por cen, e a medida que ía pasando a campaña, pois se nos ía dicindo que íamos á alza, que seguíamos subindo. Houbo un momento que incluso estivemos entre cinco e medio-seis concelleiros, que finalmente foron cinco, e que dende o noso punto de vista é un resultato tremendamente positivo e bo. Acadar cunha lista independente e cun partido novo os 2.401 votos en Chantada non é doado; e por suposto tamén nos sorprendeu que formacións cun gran despregue en canto a propaganda e publicidade coas siglas que avalan, como pode ser o PP, que se quedaran en menos de 1.300 votos, que o PSOE baixara aos niveles aos que baixou, en preto de 900 votos e encima ostentanto a alcaldía, e que o BNG se mantivera cunha pequeniña baixada. A verdade é que son datos que reflexan a situación, e que bueno, que nós estamos moi, moi contentos. En canto á posibilidade de pactos, primeiro hai que establecer a rolda de contactos e falar con todas as formacións políticas para ver cales son as súas pretensións. Sen dúbida, a nós parécenos máis doado neste momento, e esta é unha opinión que estou dando de xeito totalmente personalizado, que despois de falar cos meus compañeiros do noso grupo, non descartaríamos coller o goberno en minoría, sendo a lista máis votada con cinco concelleiros, que bueno, nós temos experiencia máis que suficiente para quitar adiante isto; e despois establecer pactos puntuais con calquera das outras tres formacións, porque a nós danos a maioría calquera dos grupos, o PSOE con dous concelleiros, o BNG que ten tres ou o PP que ten tres, con calquera deles conqueriríamos sete concelleiros, así que puidera ser que gobernáramos desa maneira, ata que bueno, vaia transcurrindo o tempo e vexamos que isto pode funcionar ben, e sempre en beneficio sobre todo dos cidadáns de Chantada, iso está clarísimo.”

José Antonio García acadou 3 concelleiros para Independentes de A Pobra do Brollón.

“En principio, as nosas perspectivas apuntaban xa a sacar en torno a uns tres ou catro concelleiros, que era o que deberíamos conseguir sempre que os votantes fosen receptivos ao noso programa electoral, aos seus contidos. Pese a todo, nós estamos contentos, e valoramos os resultados como un éxito ainda que con un pequeno mal sabor de boca por non haber acadado ese cuarto concelleiro que xa sería entón chegar ao teito máximo. En canto á posibilidade de pactos, nós como grupo independente estamos abertos a calquera pacto que inclúa o noso programa electoral. De todos os xeitos, e tal e como xa comentei a outros medios de comunicación, o gañador das eleccións foi o BNG, e polo tanto é a Xosé Luis Maceda a quen lle corresponde abrir a rolda de contactos e entrevistas para acadar esa maioría precisa no goberno.”

 

 

José Manuel Bello acadou 2 concelleiros para Independientes de Galicia (Sarria).

“Dos resultados electorais fago unha valoración moi positiva, sobre todo tendo en conta a situación coa que nos encontramos actualmente; a situación electoral, o que vimos despois das eleccións municipais e que semella denotar unha tendencia de cambio brusco hacia o PP, que supoño será por motivos como a crise. En relación a nós, pois o de antes, máis que positiva porque partindo de cero como partido e acadar uns 900 votos sempre é gratificante. E en canto a se é o resultado que esperábamos, teño que dicir que nalgún momento vin que sería posible mesmo acadar estes dous concelleiros, sen embargo, a medida que foron pasando nos días, e vendo como se desenvolveu a campaña, na que os outros partidos contaban con máis medios e maquinaria máis potente para chegar á xente, xa semellaba algo máis complicado. Ainda así, e ainda que nos víramos rodeados por todas as súas estratexias, nós tivemos claro dende un primeiro momento que o noso fin era traballar e tratar de conseguir os obxectivos marcados, e finalmente así foi. Con todo quero deixar patente o meu agradecemento a todas as persoas de Sarria que nos deron o seu apoio, así como á xente de fora de Sarria que nos apoiou e nos empurrou a traballar por isto.”

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

San Antón: orixes e actualidade da festa deste emblemático barrio monfortino

Seguinte Nova

Melloras no río Cabe entre o núcelo urbán e Piñeira por case 4 millóns de euros

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: