Ata o 5 de outubro poden solicitarse as axudas da Deputación para melloras en servizos públicos no rural

•As axudas poden solicitalas os veciños do rural en xeral, asociacións veciñais e comunidades de montes •O organismo provincial destina un total de 1,5 millóns de euros a este plan

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e o vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, durante a presentación da liña de axudas de 1,5 millóns de euros para melloras dos servizos públicos no rural. GPDL
O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e o vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, durante a presentación da liña de axudas de 1,5 millóns de euros para melloras dos servizos públicos no rural. GPDL
• A Deputación de Lugo vén de abrir o prazo de solicitude das axudas do Plan de Mellora de Infraestruturas e Equipamentos no Medio Rural, dirixido a veciños do rural, asociacións veciñais e comunidades de montes. Estas axudas, que contan cunha partida total de 1,5 millóns de euros, teñen como obxectivo custear melloras en traídas de auga, accesos a núcleos e explotacións, e arranxo de centros sociais. O prazo para solicitar as achegas remata o vindeiro 5 de outubro.
CONTRA O DESPOBOAMENTO DO RURAL, REIVINDICANDO A IGUALDADE DE SERVIZOS E OPORTUNIDADES «VIVAS ONDE VIVAS»
Segundo explicaron o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e o deputado de Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos Ramos, este Plan está deseñado  “en defensa da vida no rural e do rural», buscando potenciar «o benestar dos veciños e o sector primario coa mellora ou dotación de prestacións públicas imprescindibles». Darío Campos Conde destacou que o Plan de Mellora de Infraestruturas e Equipamentos no Medio Rural «reivindica a igualdade de servizos e oportunidades vivas onde vivas, e trata de combater o despoboamento demográfico que sofre o rural lugués”.
QUEN PODE SOLICITAR ESTAS AXUDAS
Segundo explicaron os responsables provinciais, este Plan está dirixido a veciños do rural en xeral, asociacións veciñais sen ánimo de lucro, e comunidades de montes legalmente constituídas, pertencentes a calquera dos 67 concellos da provincia de Lugo. As axudas, que se convocan en réxime de concorrencia competitiva, inclúen tres liñas de actuacións.
AS TRAÍDAS DE AUGA, UN «SERVIZO BÁSICO NO DÍA A DÍA DOS VECIÑOS»
Por unha banda, o Plan ofrece unha liña de axudas para mellorar o abastecemento e a calidade da auga. Para a construción de novas traídas, o Plan ofrece ata un máximo de 30.000 euros por solicitude, e de 10.000 euros para melloras, acondicionamentos ou ampliacións de traídas de auga xa existentes.
O presidente da Deputación suliñou a importancia desta achegas, xa que as traídas de auga «son un servizo municipal básico para o día a día dos veciños». Ademais, o mandatario provincial lembrou que o abastecemento «segue a ser un déficit en moitos núcleos rurais, aos que non chega a auga en condicións nin aos fogares nin ás explotacións gandeiras».
MELLORAR A MOBILIDADE EN PARROQUIAS E NAS EXPLOTACIÓNS
O arranxo de pistas e accesos é outro dos piares das axudas do Plan de Mellora de Infraestruturas e Equipamentos no Medio Rural que está a convocar a Deputación de Lugo. As bases contemplan ata un máximo de 12.000 euros de axuda por solicitude para realizar arranxos e colocar sinalizacións de accesos públicos a núcleos poboacionais, explotacións gandeiras, fincas forestais ou agrarias, e tamén viñas.
OS CENTROS SOCIAIS, «PUNTOS DE REUNIÓN VECIÑAL QUE DINAMIZAN O RURAL»
Para fomentar a dinamización social no rural, o Plan de axudas que promove a Deputación inclúe unha terceira liña de achegas, destinadas a mellorar os centros socioculturais e a súa contorna. A contía máxima por solicitude será de 12.000 euros. Entre as actuacións que contempla, están os arranxos en fachadas e cubertas, instalacións eléctricas, sistemas de iluminación, climatización ou calefacción, traballos de albanelería e fontanería, así como de adecuación de accesos e contornos.
ANTICIPO DO 95% DAS CONTÍAS
Segundo o presidente, estas instalacións «son centros de reunión e xuntanza veciñal en moitas parroquias, onde se celebran numerosas actividades colectivas, contribuíndo á dinamización do rural».
Unha das novidades do Plan é o anticipo do 95% das axudas aos beneficiarios, «co que se axilizará en gran medida o inicio das obras», salientou Campos Conde. O presidente precisou que esta medida vai contribuír a dinamizar a economía e manter postos de traballo «dos autónomos e pequenas empresas que adoitan asumir estas obras».•

•Incorporan novos criterios  «para un reparto o máis xusto posible»

• O Executivo provincial elaborou unha novas bases para o Plan de Mellora de Infraestruturas e Equipamentos no Medio Rural, introducindo cinco criterios «totalmente obxectivos para acadar unha distribución o máis xusta posible».
PRIORIDADE PARA AS ACTUACIÓNS MÁIS NECESARIAS
Por unha banda, terase en conta o grao de necesidade, valorando coa máxima puntuación o feito de non ter traída de auga na actualidade, por exemplo, ou as ampliacións con usuarios residentes nos núcleos rurais ou con explotacións gandeiras. Tamén terán os máximos puntos no baremo as reparacións de captacións que non abastecen durante todo o ano; os arranxos de camiños públicos que sexan os únicos accesos a explotacións agrarias ou forestais cun grande número de hectáreas; ou os arranxos de centros socioculturais con goteiras ou sen electricidade.
PROXECTOS SUSTENTABLES
Tamén se valorará positivamente a sustentabilidade, primando aos proxectos cuxo custo estea por debaixo do prezo de mercado, e descartándose os que estean por riba.
BENEFICIAR AO MAIOR NÚMERO DE VECIÑOS, SOBRE TODO VINCULADOS AO SECTOR PRIMARIO E DE PEQUENOS CONCELLOS
Outro dos criterios que se terán en conta será o número de beneficiarios da mellora, dando prioridade aos proxectos que beneficien ao maior número posible de usuarios. Primarán as actuacións vinculadas ao sector primario, e tamén aos proxectos que se desenvolvan en núcleos de concellos de menos de 1.000 habitantes.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O proxecto “Memoria Dixital Lugo” amplía o seu banco de recordos

Seguinte Nova

Primeira retrospectiva en Galicia da obra do pintor e arquitecto chantadino Manuel Jorge

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: