Escola de pesca na beira do Sil: Reclamo turístico e estratexia de educación ambiental

Redacción- L.Gallardo

A tradición da pesca permite aproveitar esta prática como iniciación ao respeto polo medio ambiente ao tempo que se mantén o seu aspecto lúdico. Arquivo EC.

Crear unha escola de pesca para converter nun reclamo turístico o potencial que Ribas do Sil ten nesta materia é unha das novas estratexias que se levarán a cabo nun municipio no que os valores medio ambientais e relacionados coa paisaxe son o eixo da política turística na actualidade. En realidade a pesca é xa unha actividade moi importante no río Sil ao seu paso polo municipio, onde acoden tanto pescadores da zona coma outros que chegan fundamentalmente da zona do Bierzo. Os pescadores a miúdo acoden coas súas familias para pasar xornadas enteiras na zona, e isto repercute nalgunha medida na actividade da vila, pero o reclamo turístico da pesca pode facerse máis relevante si se fomenta dende as administracións. Roberto Castro, tenente de alcalde e concelleiro de Cultura de Ribas do Sil, salienta o obxectivo de potenciar a pesca entre a xente máis nova , xa que é unha ocupación vinculada maioritariamente a persoas de mediana idade.

A infraestrutura

Detrás deste obxectivo está a creación da escola de pesca, que comezará pola construcción dunha pequena edificación como aula de pesca situada a carón do río Sil, en San Clodio. A aula está proxectada cunha planta de 50 metros cadrados, no que a practica totalidade da superficie será propiamente para reunións de aula e a restante para albergar material. Trátase de vinculala a unha especie aula da natureza onde se ofrecerá información da flora e a fauna piscícola, entre outras cousas. O centro ubicarase nunha parcela de 1.400 metros cadrados na que se instalarán paneis informativos e se acondicionará o terreo.

O proxecto conta cun investimento de 46.000 euros que parten dunha contribución aprobada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra na súa última xunta directiva por valor de 23.000 euros, outros 18.000 serán aportados polo Inludes e os fondos restantes, 5.000 euros, serán asumidos polo propio Concello. A adxudicación dos traballos está prevista para finais deste mes, e a escola debería estar lista en agosto.

Pero para encher de contido e de sentido este proxecto ten que existir unha planificación axeitada, para o que o Concello pretende manter contacto con asociacións de pescadores e distribuidores de material de pesca, entre outros. O fomento desta actividades estacional estará asociado a outras iniciativas como a organización dun Campionato de Pesca de ámbito estatal para este verán, algo que require dunha minuciosa organización ao tratarse dun evento que podería reunir a unhas 300 persoas. Fomentar as excursións de grupos de escolares a esta aula que pasen como mínimo unha xornada de pesca na zona é unha das iniciativas primordiais. Actualmente o Concello está a informarse e xestionar os requerimentos administrativos para levar a cabo todo este proxecto, tarefa que non é nada simple, segundo comenta Castro.

Educación Ambiental

No fondo da vertente turística está, segundo quixo destacar o edil de Cultura, a teima da concienciación medio ambiental e a función pedagóxica que concibe a escola de pesca como un centro de educación ambiental. Castro sinala o descenso da poboación piscícola no río Sil nos últimos 50 anos, unha tendencia que se debe frear e da que se debería botar man a través da concienciación social. O peixe común, a troita e o black bass son as especies que máis se pescan na zona, onde antigamente tamén se atopaba a anguía en maior medida. Alugar cañas, recibir instruccións teóricas e prácticas e facer a primeira tirada serán algunhas das actividades que poderán realizar os principiantes nesta escola.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Termalismo como servizo

Seguinte Nova

A SD Chantada remata a tempada con dous ascensos

Últimas noticias sobre DEPORTES

A %d blogueros les gusta esto: