José Tomé Roca, alcalde de Monforte de Lemos: “Imos seguir insistindo para que a Xunta se comprometa máis co Porto Seco”

•”A Xunta ten que rematar os accesos ao Porto Seco, e traer un operador loxístico que se poña á fronte para xestionalo”

Imaxe de arquivo da presentación do Informe sobre o Porto Seco de Monforte, editado polo Eixo Atlántico. O alcalde de Monforte, José Tomé, participou no acto, que contou coa intervención do catedrático de Economía Aplicada pola UDC, Fernando González Laxe, e a avogada e presidenta da Asociación de Xóvenes Empresarios de Galicia, Carmen López Rodríguez, coautores do informe xunto con Miguel Rodríguez Bugarín, catedrático da UDC. GPDL
Imaxe de arquivo da presentación do Informe sobre o Porto Seco de Monforte, editado polo Eixo Atlántico. O alcalde de Monforte, José Tomé, participou no acto, que contou coa intervención do catedrático de Economía Aplicada pola UDC, Fernando González Laxe, e a avogada e presidenta da Asociación de Xóvenes Empresarios de Galicia, Carmen López Rodríguez, coautores do informe xunto con Miguel Rodríguez Bugarín, catedrático da UDC. GPDL
• O mes pasado, presentábase o informe do Porto Seco. Vostede dixo que este documento era “algo máis que un simple estudo”. Por que?
É un informe que, por vez primeira, describe con claridade cal é a situación e di cal debe ser o camiño a seguir se queremos que, finalmente, o que estamos a construir en Monforte chegue a ser unha plataforma loxística, porque se non, corremos o risco de que se convirta nun polígono industrial máis.
En segundo lugar, este informe vén avalado pola calidade dos seus autores, que ademais proceden de diferentes ideoloxías. González Laxe, que foi presidente da Xunta polo PSOE, é un catedrático con amplos coñecementos sobre temas portuarios de España e de Europa. Rodríguez Bugarín, un dos mellores técnicos que hai en España sobre transporte ferroviario, foi director xeral de Mobilidade da Xunta co Partido Popular. López Rodríguez é avogada e presidenta dos Xóvenes Empresarios de Galicia. É dicir, o informe foi elaborado por dúas persoas do mundo universitario de diferentes cores políticas, e por outra persoa do mundo empresarial, o que dá un informe compensado.
Onde radica a importancia do informe?
O informe vén dicir que o Porto Seco non é un problema local de Monforte, aquí temos un problema a nivel de Galicia. É o momento de aproveitar a oportunidade do incremento do tráfico marítimo que se vai producir coa ampliación do Canal de Panamá. Vai haber bastante máis tráfico de contedores entre Asia e Europa, e os portos galegos de Vigo, Marín, Vilagarcía, Coruña e Ferrol, portos de interés xeral do Estado, teñen que captar ese tráfico porque, se non o fan, van quedar sen actividade. Os portos por definición non teñen amplitude de espazo suficiente para almacenar moita cantidade de contedores. E aí é onde entraría Monforte, dando servizo aos portos, tanto de acopio de mercadorías como de conformación de trens. Hoxe por hoxe, a maioría das mercadorías, o 97%, están saíndo vía estrada, só o 3% sae vía ferrocarril, mentres que en Europa esta porcentaxe é do 16%, polo que hai unha marxe amplísima para poder crecer en España en transporte ferroviario.
Ademais, en canto ao medio ambiente, o transporte por ferrocarril con vías electrificadas é moitísimo menos contaminante que usar camións.
Despois, está a conformación de trens. Cada vez se vai máis a trens de entre 600 e 800 metros, trens longos, e os portos galegos agora mesmo non teñen capacidade para conformar trens desa lonxitude, e aquí en Monforte sí. Coa plataforma que temos pódese conformar ata un quilómetro de largo, máis que suficiente. Un só tren destas características é capaz de transportar a capacidade en contenedores de 30 camións nunha soa viaxe.
Ademais de todo isto, un porto seco ten que dar servizo ás empresas. Un contedor pode levar carga multiproduto para multicliente, é dicir, mercancía diversa para varios clientes. Isto require que no porto seco se debe poder manipular a mercancía, clasificala e derivala a cada cliente. Tamén se deberían ofrecer servizos administrativos,  incluso aduaneiros.
Cal é o retrato que se fai de Monforte neste documento?
O informe destaca a vinculación histórica de Monforte de Lemos co ferrocarril, e tamén a súa situación xeográfica idónea. Monforte está equidistante dos portos de Vigo e da Coruña, un pouco máis do de Ferrol, e por Monforte sae a liña de ferrocarril de mercadorías que vai á Meseta. A liña de Ourense só está conformada para viaxeiros, pero a de Monforte é mixta, coas dúas posibilidades. Por iso Monforte é un punto de encontro idóneo para poder situar este porto seco.
Como está a liña ferroviaria ata Monforte?
En canto ao tráfico de mercadorías, a Unión Europea deseñou unha rede que en España inclúe dous eixos. Por unha banda, está o eixo mediterráneo, que sae de Portbou e segue por Barcelona, Valencia e chega a Alxeciras. O outro é o eixo atlántico, que entra polo País Vasco e chega a Palencia, e alí bifúrcase cunha liña cara Salamanca e Aveiro, e outra cara Galicia, por Palencia-León-Ponferrada-Monforte-Ourense e Vigo. O Goberno de España priorizou o eixo mediterráneo, no que xa se está traballando, pero no eixo atlántico só ten dotación orzamentaria a liña que vai a Salamanca-Aveiro. O de Palencia-Galicia só está debuxado no mapa, nada máis. Non ten aínda dotación orzamentaria. Por iso é moi importante que o Goberno central desbloquee tamén a mellora desta liña. Porque non se trata de facer unha liña nova, senón só melloras nas pendentes e nos radios das curvas. As pendentes mídense en milésimas, e poden oscilar entre 17 e 24 milésimas por metro. A diferencia sería que un mesmo tren podería, cambiando esa diferencia de pendente, transportar 8 vagóns máis. A mellora das curvas está vinculada á seguridade da carga. Iso é todo o que habería que arranxar na liña Monforte-Palencia, nada máis, porque hoxe os materiais permiten adaptar os trens aos anchos de vía sen problema, ao dobre ancho, sen andar cambiando de trens.
Que fai o Concello de Monforte para impulsar o Porto Seco?
O Concello de Monforte realmente non ten competencias neste tema, son da Xunta. O que fixemos foi estar sempre impulsando e facendo xestións con todas as administracións para que isto non estea parado, como por exemplo que se acabe de urbanizar, e que se constrúan os accesos que aínda están sen construír. Había un problema sen resolver que era o do saneamento, daban por concluída unha urbanización pero non tiñan resolto onde verter as aguas residuais, co cal non se podían dar licencias. O que fixemos no Concello foi, aparte de presionar á Xunta para arranxalo, foi firmar un convenio con Infraestruturas e Vivenda para dotar dun saneamento propio e autónomo ao porto seco. A Confederación Hidrográfica dixera que o actual sistema da depuradora municipal está saturado e non admitiría novas incorporacións, e por iso fixemos o convenio, financiándoo ao 50%, para dotar ao Porto Seco dun sistema propio e que poida funcionar, cando era un tema que lle competía en exclusiva á Xunta de Galicia. Para que non haxa duda do compromiso do Concello de Monforte, aceptamos cofinanciar esa obra. A Xunta lavábase as mans dicindo que o saneamento era cousa do Concello; é cousa do Concello a súa xestión, cando xa está feita a obra. Ao ser a Xunta o urbanizador do Porto Seco, compételle á Xunta a obra do saneamento. Quen promove ten que deixar iso en condicións de poder funcionar, e ata agora non estaba.
Algo que ten que facer tamén a Xunta é buscar un xestor, con urxencia, para o Porto Seco. Un xestor que busque tráficos, mercadorías, graneis, contedores, o que faga falta. Un xestor que teña interés en desenvolver o negocio. Aquí se falaba moito de poñer un xerente para o Porto Seco, pero un funcionario non fai nada. Pero se a persoa que o leva é unha empresa que se está xogando os beneficios, o Porto Seco ten máis posibilidades de funcionar. Este é, por certo, o modelo que están aplicando nos 10 portos secos que agora funcionan en España, así como en Portugal e noutros países europeos.
Como ve a actitude da Xunta e do Goberno central?
Na Xunta de Galicia vexo que falta compromiso para rematar todo o que ten pendiente en relación co porto seco que son os accesos, e traer un operador que se poña á fronte para xestionalo. Nós vamos a seguir insistindo en que teñen que comprometerse máis. Evidentemente, a Monforte viríalle ben que haxa actividade empresarial e económica, pero tamén é un problema de Galicia, porque o interior se está apagando, e como as cabezas de comarca non sexan un pouco os motores do resto, a zona apágase.
É moi importante o pronunciamento da Xunta no tema das infraestruturas. O AVE está moi ben, pero as mercadorías son fundamentais para revitalizar a economía. Neste sentido, o Estado ten que mollarse, non só no arranxo de vías en pendientes e curvas, senón que ten que empezar a contratar tramos da autovía A-76, sobre todo a variante este de Monforte, cuxo proxecto íase licitar nos orzamentos do ano pasado e non se fixo. Confiamos que se licite este ano•.

 

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*