Calidade e bo servizo, de porta a porta

Transportes Da Terra leva 16 anos ofrecendo loxística multiservizo entre Galicia e Cataluña a empresas e particulares

O parque móbil de Transportes Da Terra está integrado por 2 vehículos pesados de 40 toneladas, 1 camión de 5.000 quilos, 2 furgonetas de 3.500 quilos e 2 furgonetas pequenas. (Foto cedida).
O parque móbil de Transportes Da Terra está integrado por 2 vehículos pesados de 40 toneladas, 1 camión de 5.000 quilos, 2 furgonetas de 3.500 quilos e 2 furgonetas pequenas. (Foto cedida).
• A calidade non ten fronteiras nen distancias, sobre todo cando se trata de produtos e empresas da nosa terra. Esta consigna foi o cerne de Transportes Da Terra, empresa situada no municipio de Pantón, e que leva 16 anos ofrecendo loxística multiservizos entre Galicia e Cataluña. Segundo explica o seu responsable, Antonio Pérez, a idea inicial que fixo arrancar o motor dos primeiros camións desta pequena empresa radicada en Tuiriz foi “levar a calidade do produto galego a Cataluña, onde había moita demanda”. A mensaxe quedaba ben clara na razón social da empresa, Pan da Terra S.L. “No ano 2000, empezamos levando a Barcelona fundamentalmente pan e empanadas galegas”, un produto de calidade, moi representativo do noso país, e transportado coas máximas garantías. Co paso do tempo, a firma ampliou a gama de produtos galegos, incorporando carne e conxelados.
Imaxe dunha parte da flota de Transportes Da Terra, con sede na localidade de Tuiriz, en Pantón. EC
Imaxe dunha parte da flota de Transportes Da Terra, con sede na localidade de Tuiriz, en Pantón. EC
UN SERVIZO MÁIS COMPLETO APROVEITANDO A “RUTA GALEGA” A CATALUÑA
A diversificación da empresa non só se reflexou no catálogo de mercadorías, senón que apuntou a unha expansión do negocio. Mantendo a liña de distribución, a firma incorporou un servizo de transportes, logo de comprar unha pequena empresa de portes en 2003. Na súa formulación definitiva, Transportes Da Terra aproveitaba o nicho de demanda que detectaron nos primeiros anos distribuindo produto galego por Barcelona. “Ao haber tanto galego en Cataluña, descubrimos que había demanda para un multiservizo de transporte”, explica Antonio Pérez.  O mapa desta
“ruta galega” a Cataluña determinou que, na actualidade, a empresa de Tuiriz impulsara a actividade de transporte multiservizo, conservando o seu enfoque inicial  de distribución de produtos da terra.
RUTAS SEMANAIS ENTRE GALICIA E CATALUÑA
Para atender esta demanda, Transportes Da Terra conta cun equipo de media ducia de traballadores, e un parque móbil propio composto por dous vehículos pesados de 40 toneladas, 1 camión de 5.000 quilos, dúas furgonetas de 3.500 quilos, e outras dúas furgonetas de pequeno formato.
A ruta galega de Transportes Da Terra comeza coa semana, recollendo paquetería e carga xeral dos numerosos clientes que manteñen, ano tras ano, na zona de Monforte de Lemos, Pantón, Sober e O Saviñao. Fóra desta área,  Transportes Da Terra ofrece o mesmo sistema de loxística multiservizo en Chantada e Quiroga, recollendo puntualmente, todos os martes, os encargos de particulares na chantadina Casa Virulé e no Supermercado Día de Quiroga.
Todos os xoves, xa en destino, Transportes Da Terra entrega as mercadorías tanto a tendas como a restaurantes, “os nosos clientes dende o principio”, precisa Antonio Pérez, e tamén a domicilio aos particulares que recurren a esta empresa do sur de Lugo para garantir un envío de calidade, en tempo e forma.
Transportes Da Terra está adicada ao transporte e distribución, ofrecendo unha loxística multiservizo adaptada ás necesidades de cada cliente. (Foto cedida).
Transportes Da Terra está adicada ao transporte e distribución, ofrecendo unha loxística multiservizo adaptada ás necesidades de cada cliente. (Foto cedida).
ATENCIÓN PERSONALIZADA, ADAPTADA ÁS NECESIDADES DE CADA CLIENTE
“Pola crise, houbo que repensar o negocio, e aproveitamos para cambiar o modelo operativo”, explica o responsable de Transportes Da Terra. “Por iso, apostamos por unha loxística multiservizo, na que levamos todo tipo de portes, con entrega no domicilio a particulares”, destaca Antonio Pérez, que afonda na clave da boa acollida desta fórmula. “As características dos camións permiten levar os produtos separados en compartimentos específicos, de aí que poidamos ofrecer un servizo de distribución multitemperatura, con seccións de conxelado, fresco e seco, con total garantía”, precisa. Pérez engade que, ademais da versatilidade dos equipos técnicos, Transportes Da Terra conta con outra vantaxe significativa, e que define a súa identidade como empresa. “Ao particular gústalle que lle poidas ofrecer un multiservizo, que nos poida encargar un porte de mercadorías ben diferentes e que lle cheguen na mesma entrega, coa confianza de que as vai recibir no tempo sinalado e en perfectas condicións”, asegura Antonio Pérez, porque en Transportes Da Terra “a mercadoría trátase con moito mimo, coñecemos aos nosos clientes e eles nos coñecen a nós, e saben que nos adaptamos sempre ás súas necesidades”.
AS NOVAS TECNOLOXÍAS E A BÚSQUEDA DA CALIDADE NO SERVIZO, CLAVES DO NEGOCIO
A adaptación de Transportes Da Terra pasou tamén pola incorporación ás novas tecnoloxías, xa dende ben pronto. “Sempre fomos pioneiros en incorporar as TIC ao negocio”, comenta Pérez, responsable dunha empresa que xa no ano 2000 empregaba internet. “Para unha empresa de loxística, as novas tecnoloxías son un dos elementos máis importantes”, destaca o responsable de Transportes Da Terra. As rutas por cidade simplifícanse de forma extraordinaria grazas ao GPS, “que nos permite optimizar cada paso que damos, con cada vehículo”, pasos que tamén son importantes para o cliente, “que sabe en cada momento se hai algunha incidencia coa súa entrega”. As novas tecnoloxías tamén axilizan os tempos de organización, garantindo un axeitado proceso de xestión de pedidos, vehículos, horarios e entregas, cunha eficiencia imprescindible no complexo mundo da loxística.
Innovación tecnolóxica para modernizar un negocio marcadamente tradicional. “Valémonos das novas tecnoloxías para axudarnos a responder, aínda mellor, ás necesidades que nos transmiten os clientes”, explica Antonio Pérez. Porque Transportes Da Terra segue apostando polos valores de aquí e de sempre, como a calidade, a confianza e o compromiso co cliente.•

 

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*