Crónica del sur de Lugo

A e-administración arranca en Chantada e concellos do sur de Lugo

Manuel Anxo Taboada e Gómez Besteiro na presentación da e-administración en Chantada. D.P.

Chantada é un dos primeiros concellos que pón en marcha a administración electrónica xunto con outros 10 municipios da provincia. O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presentaba nos pasados días esta iniciativa na capital do Asma. En total son 51 os adheridos a denominada e-administración, que non é outra cousa que a posibilidade de realizar gran parte dos trámites e xestións a través de Internet, sen necesidade de acudir en persoa ás oficinas das administracións. O programa tecnolóxico Innova-TE engloba unha serie de medidas destinadas a impulsar o uso das novas tecnoloxías, actualizando e modernizando a provincia aos tempos que corren. A administración electrónica permite, por outro lado, aforrar tempo e diñeiro en moitos casos, permitindo facer máis dun cento de trámites a través da rede nun futuro, aínda que polo momento só están activados uns 30. Xa está en funcionamento noutros concellos da zona como Sober, A Pobra do Brollón, e tamén en Sarria.

Que se pode facer?

Darse de alta no servizo de subministro de auga e sumidoiros, facer unha reserva de cita para voda civil no Concello ou inscribirse no rexistro de parellas de feito, anotarse nunha bolsa de traballo, estar ao día en eventos, solicitar a inscrición no padrón municipal, facer avisos, queixas e suxerencias ou mesmo realizar diversos tipos de consulta, como, por exemplo, do censo electoral, ordenanzas, bandos ou actas plenarias son algúns dos exemplos das posibilidades da e- administración.

Acceso dende as parroquias en Chantada

Na presentación, o alcalde de Chantada, Manuel Anxo Taboada, agradeceu o traballo dos funcionarios presentes no acto, “xa que isto non funciona só porque poñamos medios técnicos, sen a alianza dos empregados públicos non tería sentido”. Taboada fixo alusión á crise, pero valorou que a pesar dela é preciso achegar as novas tecnoloxías ao rural, como é o caso das dúas empresas que están a prestar servizos de banda ancha para todas as parroquias, onde alomenos deica agora existían enormes deficiencias. O rexedor chantadino destacou unha vez máis o apoio da Deputación neste desenvolvemento. Sumando os trámites que se poden facer a través da rede cos concellos e coa Deputación, serán un total de 157.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio