Completado o Plan provincial de Rebacheo

Un momento dos traballos de aplicación de rego asfáltico nun tramo da rede viaria dependente da Deputación de Lugo. GPDL.

Coa chegada das primeiras chuvias do outono, a rede de estradas provincial atópase reforzada coas últimas intervencións integradas no Plan de Rebacheo da Deputación de Lugo, que ven de rematar nestes días. As actuacións desenvolvéronse nos 67 concellos da provincia, ó longo dos 4.200 quilómetros de vías cos que conta esta rede, a máis extensa de España dentro das de titularidade provincial.

ACTUACIÓNS SEGÚN AS NECESIDADES DETECTADAS POLOS VECIÑOS

Según explicou o deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, a Deputación de Lugo ven de investir no Plan de Rebacheo 2013 máis de 3 millóns de euros, nun programa de obras de acondicionamento con rego asfáltico de todos aqueles puntos que presentaban problemas no firme da estrada. Na elaboración do plan de traballo, tivéronse en conta as demandas dos veciños, os primeiros en detectar os puntos máis deteriorados dos viais provinciais, e sobre esta análise distribuíronse as tarefas de actuación.

AMPLO DISPOSITIVO NAS OITO ZONAS

O deputado de Xestión Territorial explicou que no Plan de Rebacheo participaron un total de 102 operarios equipados con 54 máquinas e baixo a coordinación de 16 capataces e vixiantes. Este dispositivo desenvolveu as súas funcións distribuído polas oito zonas nas que a Deputación lucense ten dividido o espazo da rede viaria para unha mellor coordinación dos recursos e unha máis alta eficiencia na resolución dos traballos.

Imaxe das tarefas de rebacheo no municipio de Taboada, na comarca de Chantada. GPDL.

MÁIS DE 800 QUILÓMETROS DE REDE VIARIA NO SUR DE LUGO

No que respecta ó sur lucense, os concellos de Bóveda, A Pobra do Brollón, Monforte, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo agrúpanse na denominada zona 8, que abrangue un total de 738 quilómetros, e para a que foi destinado un dispositivo formado por seis operarios e cinco vehículos. Asimesmo, os municipios de Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil integran a denominada zona 7, cun ámbito de acción de 313 quilómetros de vial provincial, e para os que está destinado un operativo de 18 traballadores equipados con 10 máquinas. Pola súa banda, O Páramo, Sarria e Paradela pertencen á zona 4, xunto con Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso e Portomarín, cun total de 680 quilómetros atendidos por oito operarios e catro vehículos.

NOVAS ACTUACIÓNS NO FIRME E NA SINALIZACIÓN

Según explicou o deputado de Xestión Territorial, este Plan de Rebacheo complementarase cunha nova programación que consistirá na aplicación de aglomerado en quente duns 100 quilómetros, e na reposición de sinais, en concellos “de todas as cores políticas”. Esta actuación sumarase ós 1.000 quilómetros que xa se melloraron con este material, que mantén en boas condicións os viais por un periodo mínimo de 10 anos. Según explicaron os responsables provinciais, esta medida está a permitir que se reduza, ano tras ano, a superficie de estradas que é preciso arranxar, reducindo os custe.

Manuel Martínez lembrou asimesmo que a Deputación xa executara un plan de sinalización na totalidade da rede de estradas provincial, no que se colocaron máis de 3.400 sinais, un millar de paneis direccionais, máis de 400 balizas de neve, máis de 4.000 fitos quilométricos e preto de 13.000 metros de barreiras de seguridade, así como máis de 4.700 metros de protección de seguridade para motoristas.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Máis de 200.000 visitas á sede electrónica da Xunta de Galicia nos oito primeiros meses de 2013

Seguinte Nova

A Ribeira Sacra busca apoios para ser Patrimonio da Humanidade

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: