Presentado o plan de encauzamento dos ríos Sarria e Celeiro ao seu paso polo núcleo urbán

O plan de encauzamento dos ríos urbáns modificará a fisonomía da vila de Sarria. EC

O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares, acompañado do alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e do sudelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, deron a coñecer en Sarria o proxecto de ordenación das marxes dos ríos Sarria e Celeiro ao seu paso polo núcelo urbán da localidade; un proxecto que suporá unha inversión total de 20 millóns de euros e dos que a Confederación aportará o 70%, uns 14 millóns de euros. Segundo explicou Liñares, “na actualidade Sarria é unha zona de alto risco por inundacións en época de intensas choivas, polo que co obxectivo de solventar esta situación, deseñouse un plan de encauzamento co que se pretente mellorar a capacidade de desaugue e evitar futuras avenidas”.

A problemática fundamental e as súas causas poden resumirse na localización do núcleo urbán sobre unha chaira aluvial dos ríos Sarria e Celeiro, así como na ocupación de chairas de inundación e invasións ao dominio público hidráulico, obstáculos no cauce como pontes e azudes, e a modificación das condicións de escorrentía a causa da construción de determinadas infraestruturas.

Con todo isto e para evitar as inundacións, no plan contémplase a execución de actuacións preventivas, correctivas e complementarias, e a ordenación e protección das marxes do río Sarria nun tramo de 3,5 kilómetros, e de 2 kilómetros no río Celeiro. En ambos cauces procederase á remodelación do encauzamento existente na zona urbana, ao encauzamento mediante “motas” en zona non urbana, e á eliminación de obstáculos como pontes e pasarelas peonís que serán substituídas por novas estruturas (é o caso das pontes de Castelao, Ponte Ribeira, Calvo Sotelo, Toleiro e Ponte Vella); todo ao mesmo tempo que se garantizará o mínimo impacto no entorno. Dada a magnitude e a amplitude das obras a executar, a Confederación Hidrográfica tamén proxectou actuacións de reposición e traslado de servizos urbanos afectados polas mesmas. Pola súa parte, os lugares máis afectados serán Ribela, Riosol, Campo do Río e a zona de O Chanto en relación ao río Sarria; e a zona da Estación no caso do río Celeiro; así como tamén o paseo do Malecón.

O presidente da Confederación insistiu especialmente na construción das futuras “motas”, xa que “en vez de levantar un muro de formigón construiranse motas; unha especie de xardín para pasear por encima e deixar o río máis abaixo, máis fondo. Deste xeito, Sarria quedará a dereita e a esquerda”, indicou.

Con isto evitaranse inundacións históricas como as que tiveron lugar no ano 1978, onde o río Sarria acadou os 178 metros cúbicos por segundo; e 2001, onde chegou a acadar os 317. Como xa se sinalou, dentro das actuacións propostas englóbanse tres: as preventivas, consistentes na construcción de motas e proteccións; as correctivas, coas que se eliminarán obstáculos como as pontes; e as complementarias, nas que se levará a cabo a reposición de servizos e tamén a creación de estancias e zonas de disfrute. Algúns dos exemplos de cambio a destacar no río Sarria son por exemplo a sustitución do muro do campo de fútbol por un muro resistente, a creación de varias motas de defensa, a remodelación das alturas no parque do Chanto coa elevación e consecuente acondicionamento do aparcamento e das piscinas, a remodelación do malecón, a creación dunha barreira hidráulica de contención de inundacións que atravese a ponte preto da rúa Peregrino, o acondiconamento do aparcamento na rúa Calvo Sotelo e a expropiación dalgunha das vivendas situadas en zonas inundables.

No caso do río Celeiro, algúns dos exemplos de cambio a destacar son a eliminación de estribos na antiga ponte de San Lázaro, a eliminación de naves en zona de servidume, a eliminación da ponte de San Eufrasio e a colocación de varias pasarelas de madeira rebasables, así como a eliminación de obstáculos tales como a sustitución da ponte Ferrocarril e o traslado da ponte Vella do Mazadoiro. Pero tamén o acondicionamento do cauce e das marxes con retirada de muros, e tamén a apertura do cauce no entorno das pontes de Matías López. Toda unha serie de cambios para evitar de novo grandes inundacións en Sarria.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Residencias da terceira idade contra o desemprego e o despoboamento en Ribas do Sil e O Saviñao

Seguinte Nova

Pequenos poetas con futuro na biblioteca de Sarria

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: