Crónica del sur de Lugo

O Padroado de Turismo de Lugo, Lugosur, Camiño de Inverno e Consorcio Turístico da Ribeira Sacra fan balance

Raquel Arias durante a súa intervención na presentación da web do Padroado de Turismo. EC

A finais do mes de xaneiro, a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, instou a sumar esforzos en torno ao Padroado de Turismo de Lugo para impulsar o progreso do sector na provincia, e lembrou que a Xunta “a través da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, colabora neste proxecto dende a primeira proposta recibida”. A delegada realizou estas declaracións no acto de presentación do plan estratéxico e da páxina web promocional que elaborou o Padroado de Turismo co financiamento da Xunta de Galicia, que achegou o 80% do investimento necesario, en concreto 35.400 euros. Deste xeito, Arias sinalou a necesidade de “buscar novos produtos turísticos”, e afirmou que “o Padroado amósase como unha ferramenta axeitada para investigar, acordar e poñer en marcha entre todos unha oferta turística atractiva, global, diversificada e innovadora”. Con todo, engadiu, “non nos podemos cruzar de brazos e esperar que isto siga medrando só, e menos na actual conxuntura económica”. Para elo, explicou, a Xunta está a acometer as actuacións previstas no Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013, que ten entre os seus obxectivos o de incrementar o peso do turismo no PIB galego.

 

 

CAMIÑO DE INVERNO

Incrementar o peso do turismo a través do Camiño de Inverno é o que se atopan a facer dende a asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, cuxa presidenta, Aida Menéndez, fixo un balance máis que positivo do pasado ano. “Durante o ano 2010 case superamos todas as expectativas, sobre todo na peregrinación que levamos a cabo ao longo do ano”. “Pero tamén presentamos un libro no que se recollen varias rutas, entre elas a do Camiño de Inverno; e realizamos a sinalización do camiño en moitos puntos, e moitas outras iniciativas para a promoción desta ruta”, engadiu a presidenta da Asociación.Pola súa parte, para este ano xa están a traballar no calendario de peregrinacións, coa intención a maiores de promocionar o Camiño de Inverno a través dunha ruta polo Camiño Francés. Aida Menéndez quixo facer un chamamento finalmente ás institucións para que estas “presten máis colaboración, no senso de acondicionar algúns tramos”.

 

LUGOSUR

Dentro do ámbito do turismo na zona sur da provincia é preciso lembrar tamén a asociación de empresas turísticas Lugosur. Carmen Martínez, a súa presidenta, fixo balance do 2010: “Reeditouse de novo a guía Camiñando polo sur de Lugo, que está a dar moi bos resultados, tamén vamos a renovar a páxina web, vamos a participar no congreso de turismo da Deputación, e estamos estudando a posibilidade de celebrar un congreso adicado aos medios naturais e á forma de poñelos en valor”. A maiores de todo isto en breve está prevista a renovación da súa xunta directiva. Sen embargo, e pese a todos estes bos resultados, para Carmen Martínez o 2010 non foi o mellor. “Nesta zona mantivémonos máis ou menos como no ano 2009, pero aínda así non foi un bo ano. Medraron as visitas con motivo do Camiño de Santiago, pero de xeito moi irregular, de feito, o mes de agosto foi o peor en moito tempo, e dende logo non notamos beneficios en relación ao Ano Santo”, concluiu. 

CONSORCIO DE TURISMO RIBEIRA SACRA

Finalmente, na zona sur de Lugo é preciso nomear ao Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, que durante o pasado ano levou a cabo iniciativas como a sinatura dun convenio con Viajes El Corte Inglés, entre outras axencias de viaxes; a novidosa campaña promocional “Ribeira Sacra, onde nacen os sentidos”; a creación dun autobús promocional que percorreu toda España, e tamén concursos en centros comerciais. Xa para o 2011, segundo indicou a xerente do Consorcio, Alexandra Seara, “vamos a seguir coa comercialización e a promoción con novas imaxes, tamén seguiremos asinando novos convenios, sacaremos unha nova liña de merchandising, e en xuño queremos celebrar o primeiro Open de Golf Ribeira Sacra”.Por parte do Consorcio tamén fixeron balance do pasado ano, un ano no que, tal e como afirmaron, mantívose bastante ben a Ribeira Sacra como destino turístico. “Para o 2011 somos optimistas, pensamos que podemos manter e mesmo incrementar os beneficios. Ademais, hai que destacar que todos os establecementos están facendo un esforzo por crear produtos atrativos a bos prezos”.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio