Crónica del sur de Lugo

Lugo reflexiona sobre turismo

María Xosé Vega Buján e López Orozco, na inauguración do I Congreso Destino Lugo

A Vicepresidenta Terceira da Deputación de Lugo, María Xosé Vega Buján, foi unha das encargadas de clausurar o pasado xoves o I Congreso de Turismo “Destino Lugo”, que se celebrou no Pazo de San Marcos, e no que prestixiosos representantes deste sector a nivel europeo e nacional analizaron a situación pola que atravesa o turismo lugués e as posibles alternativas para impulsar este sector. Unha vez rematado, Vega Buján fixo balance.
Que balance fai do turismo na zona sur de Lugo durante o 2010?
Segundo a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería, o turismo na zona sur superou o 65% de ocupación nos meses de tempada alta, e en algún chegou ao 75%, pero estes son datos só dos seus asociados, eu creo que en conxunto se superaron estes índices.

Cre que hai suficientes alternativas para esta zona?
Non creo que sexa un problema de actividades, senón de accesibilidade ás mesmas. Temos que encontrar a maneira de que os que nos visitan teñan mellor acceso á información, e tamén necesitamos iniciativas empresariais que acheguen os visitantes aos recursos. Asimesmo, ampliar a oferta sempre é bo, pero eu daríame por satisfeita se este ano 2011 conseguimos mellorar o rendemento das que xa están en marcha.

Notouse o Ano Xacobeo dentro da provincia?
Sen dúbida, aínda que zonas da provincia polas que non pasa o camiño tamén subiron. As estadísticas dinnos que o ano seguinte ao Xacobeo é un ano de menos visitas, pero de máis gasto por visitante, así que animo a todos a estar atentos.

Que perspectivas se agardan para o 2011?
Son tempos difíciles para todos, a crise segue condicionando o gasto de todos, pero Lugo ten unha vantaxe competitiva neste momento, é un destino cun prezo moi axustado e idóneo para o turismo familiar. Esperamos que como mínimo se repitan as cifras do ano anterior.

Con que obxectivo surxiu este primeiro congreso Destino Lugo?
O turismo en Lugo está a medrar por riba de calquera outra provincia galega. Trátase dun destino emerxente que precisa coordinar esforzos de cara á promoción conxunta da provincia e, por iso, había que crear un espazo de debate e exposición de experiencias sobre distintos modelos de xestión turística que xa están funcionando noutras partes. Era necesario para o futuro de Lugo como Destino Turístico.

Cal é o balance do congreso?
O balance non pode ser máis positivo: contamos cunha asistencia de 150 persoas pertencentes ao sector turístico da provincia, público ou privado, entre concellos, fundacións comarcais, GDRs, representantes do sector da hostalería e o turismo rural, empresas turísticas, asociacións de guías turísticos, estudantes de turismo, entre outros. No congreso, que contou coa presenza de prestixiosos representantes do sector a nivel estatal e internacional, así como representantes do CETUR da Universidade de Santiago, analizáronse diferentes alternativas que impulsarían o sector na provincia de Lugo. Na clausura do Congreso, e como resultado das diferentes ponencias e debates, avanzouse que a partir do mes de marzo, comezarán a desenvolverse mesas sectoriais que permitirán presentar en abril o novo modelo de coordinación do turismo provincial.

Como será ese novo modelo?
Será un organismo dinámico e innovador capaz non só de promocionar a provincia, senón tamén de vendela, de estar á cabeza no manexo das redes sociais e das novas tecnoloxías en xeral, un organismo profesionalizado, no que o sector privado encontre apoio e vías de comercialización e no que todos nos atopemos a gusto.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio