Crónica del sur de Lugo

Espazo propio para a Ribeira Sacra en FITUR

A xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Alexandra Seara, no stand en FITUR. EC

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra ven de participar na última edición de Fitur. Segundo explicou a xerente, Alexandra Seara, “cumpríronse todas as expectativas pese a que este ano o nivel de asistentes igual foi un pouco máis frouxo”. Pola súa banda, a nivel de profesionais realizáronse moitos máis contactos que en anos anteriores. “Contactouse moito con empresas de eventos con sede en Madrid, que son unha especie de axencias de viaxes que se adican a planificar viaxes para grupos moi especiais, un tanto selectos, e que buscan sitios que non estén masificados, que teñan unha boa oferta de aloxamento e actividades dinámicas. Nestes senso a Ribeira Sacra empeza a cumprir os requisitos para este mercado, o máis destacable desta edición de Fitur foi o entablar relación con eles”, engadiu Seara. En canto ao número de visitantes que este ano pasaron polo mostrador do Consorcio, en función do material que se distribuiu, foi de preto de 6.000 visitas nos cinco días que durou a feira. Desta cifra, 1.500 foron profesionais e o resto visitantes que acudiron ao stand ao longo da fin de semana na que se abriron as portas ao público. Este ano o Consorcio contou ademais con algunha novidade. “O espazo de Turgalicia distribuiuse por provincias, sen embargo á Ribeira Sacra colocáronnos noutro espazo aparte, moi amplo e no que tíñamos unha antesala na que a través da tecnoloxía se proxectaba un video dos cañons do Sil. A verdade é que isto creou moita expectación e atraeu a moito público nesta edición”. Tralo seu paso por Fitur 2011, dende o Consorcio afirmaron que o principal obxectivo foi o de facer contactos “porque se trata da feira máis importante na que se establecen as relacións que permitirán realizar acordos ao longo do ano”. Con todo isto, despois de darse a coñecer, as perspectivas para este 2011 consisten en consolidar os contactos establecidos, e amosarse ás empresas intermediarias para comezar a traballar e poder asinar acordos comerciais de cara ao 2012. “Deste xeito virá máis xente a coñecer a nosa zona, e catálogos de todas partes contemplarán nas súas páxinas á Ribeira Sacra”.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio