Debate sobre a explotación hidroeléctrica fluvial no Saviñao

Un xiro no proxecto do encoro do río Sardiñeira

A empresa cambia as condicións e verase obrigada a iniciar de novo os trámites, segundo o PSOE

O goberno local reafírmase contrario a un aproveitamento hidroeléctrico na zona

Tramo do río Sardiñeira no concello do Saviñao. Asoc. Veciños do Saviñao

O río Sardiñeira podería salvarse da construcción do encoro proxectado despois de que a propia empresa modificara recentemente os seus plans e o proxecto inicial para este novo aproveitamento hidroeléctrico.

Protección no PXOM

Esta información despréndese dos datos aportados pola propia Confederación Hidrográfica do Miño- Sil nunha xuntanza con representantes do grupo municipal socialista do Saviñao. As reformas introducidas implican que a tramitación do proxecto volva ao seu quilómetro cero, co que “hai marxe de tempo suficiente para atallar a construcción do encoro”, segundo opinan os socialistas. Un dos xeitos de facelo sería incluír o contorno do Sardiñeira dentro das novas normas urbanísticas, en proceso de actualización este ano, como Espazo Natural de Interese Local -ENIL- para blindalo contra agresións incompatibles co medio ambiente. O grupo municipal pretende aprobar esta actuación no próximo pleno, aportando unha solución en contra da construcción do encoro.

Unanimidade

A oposición a este aproveitamento en defensa do espazo natural e dos seus posibles aproveitamentos turísticos parece xeralizada dentro da totalidade da corporación, que xa se pronunciara en contra de xeito unánime nunha recente sesión plenaria. A este respecto, o alcalde popular do Saviñao, Joaquín González, mantense firme e indica que “vamos a facer o posible para que non se leve a cabo, tal e como acordamos no pleno”. “O goberno local está en contra de todo o que poida romper a natureza e a paixaxe dunha zona que levamos tempo intentando potenciar a nivel turístico, loitando por iniciativas coma o corredor fluvial, pendente aínda do compromiso que adquirira a Deputación”, relatou González. Sen embargo, as dúbidas arredor dunha actitude activa por parte do goberno local para paralizar o proxecto do encoro, xurdiron cando a Asociación Veciñal e o PSOE reclamaron dos populares que presentara alegacións en contra do anteproxecto en tempo e forma, nas últimas datas antes do vencemento do prazo que caducaba o 8 de xaneiro. Pero isto non chegou a levarse a cabo por parte do goberno municipal, aínda que sí o fixeran dende o colectivo veciñal, en representación do sentir de, alomenos, unha parte da sociedade. O cambio de escenario coñecido estes días muda tamén a validez administrativa destas alegacións neste momento, pero non a súa importancia, xa que son argumento e información contra un proxecto que continúa aberto, aínda que con outra forma e quizáis cun cambio na ubicación exacta. O que parece claro a raíz das súas manifestacións é que tanto os grupos políticos locais coma a asociación de veciños son máis ou menos reacios a que se levante este aproveitamento hidroeléctrico. Agora están por ver as futuras estratexias de cadaquen para atallar a nova proposta, que parece solicitar un maior caudal.

Segue a polémica

Sen embargo, o tema segue suscitando polémica, e esta mesma semana, o rexedor local indicaba que “somos contrarios, pero non temos competencia sobre iso”, por outra banda opinaba que “a asociación precipítase nas súas posturas e declaracións, e se lle preocupa realmente o desenvolvemento do contorno do Sardiñeira, debe ocuparse e reclamar tamén a construcción do corredor fluvial próximo ao espazo do Sardiñeira”. Os socialistas, pola súa banda, amósanse máis optimistas e falan de “pesimismo” excesivo na asociación veciñal, que por outra parte actou en consecuencia coa presentación de alegacións formais ante a CHMS co obxectivo de paralizar e denegar o proxecto. Por outro lado, o Ministerio de Medio Ambiente ven de anunciar a suspensión da autorización de novos aproveitamentos hidroeléctricos na conca Miño- Sil ata a aprobación do plan de conca, algo que lle fora demandado polo BNG no Senado.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Conciénciate, un programa social a realizar nas parroquias de Brollón

Seguinte Nova

UGT-Lemos pide maior seguridade na estación de tren

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: