Crónica del sur de Lugo

Brollón rinde homenaxe ás víctimas do franquismo

O salón de actos quedouse pequeno para acoller a familiares e veciños dos homenaxeados. R.CASTILLO

O Concello de A Pobra do Brollón rendiu homenaxe o pasado 8 de xaneiro ás súas vítimas do franquismo, en concreto aos máis de sesenta veciños do municipio que como consecuencia do golpe militar de 1936 foron asasinados, encarcerados ou sancionados polo réxime. Foi en si unha homenaxe moi emotiva que deu comezo ás doce do mediodía na Casa da Cultura, e ante máis dun cento de persoas. O promotor deste recoñecemento foi Rafael Castillo, actual secretario do Concello e tamén neto de Antonio Reboiro, alcalde de A Pobra do Brollón en 1936 e un dos 61 veciños represaliados. Tal e como explicou Rafael, a iniciativa saiu “da necesidade de que esa xente”, entre eles seu avó, “despois de ser represaliada, e tamén de dicir moitas mentiras sobre eles, vise a súa memoria limpa”. “Trátase de intentar reivindicalas, pero non a modo de vinganza, senón de forma que os familiares desas persoas recuperen o orgullo dos desaparecidos”, engadiu Castillo. Tralo comezo do acto o primeiro en tomar a palabra foi o alcalde da localidade, José Luis Maceda. Xa despois foi o turno para Rafael Castillo, quen se pronunciou en nome das familias das vítimas apelando á aplicación da Ley da Memoria Histórica. Entre os seus argumentos, Castillo apuntou que “pretendemos poder pechar tumbas, non buscamos vinganza, nin condenas concretas para cada un dos responsables”. Un dos recordos máis emotivos deste acto de recoñecemento foi a emoción dos familiares. “Para min foi como cando morre unha persoa, cando chega o momento do enterro, que hai unha liberación a partir dese momento. Ese era o efecto que se buscaba e eu creo que se conseguiu”, apuntou Castillo. Pola súa parte, tralas palabras de Rafael, tocoulle o turno á tenente alcalde, Adoración Fernández, que foi dicindo en voz alta os nomes dos 61 represaliados para que os familiares que estiveron presentes recollesen cadanseu diploma. Ao finalizar a entrega, autoridades e demais presentes dirixíronse á casa consistorial, onde o alcalde descubriu unha placa conmemorativa. Xa para rematar coa celebración sonou o himno de Riego de man dun trompetista.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir a Inicio