As comarcas da zona sur e Sarria contarán con cobertura total contra incendios en maio

Pleno do Consorcio Provincial, cos representantes da Deputación, Xunta e concellos. GPDL

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva, presidiron no Pazo de San Marcos nos pasados días dous plenos do Consorcio Provincial de Bombeiros. No primeiro aprobábase o Orzamento para 2011 de 3.700.918 euros e que asumirán ambas administracións ao 50%, e no segundo, celebrado este luns 24 de xaneiro, a adxudicación da xestión de toda a rede a dúas empresas.

2, 5 millóns para as empresas que xestionarán os parques

 Desta cantidade, 2.597.000 euros serán destinados á xestión do servizo que realicen ao longo deste ano as empresas que resulten adxudicatarias da denominada xestión indirecta dos parques de bombeiros. Deputación e Xunta fixaron o investimento para a xestión durante oito meses, prevendo que o primeiro pago se realice en maio, tendo en conta os prazos legais para a contratación do modelo de xestión, segundo informan dende estas administracións. Segundo as previsións do Consorcio, os parques de bombeiros estarán a pleno rendemento en maio, comezando a súa actividade o día 1. Para isto adxudicouse a xestión en Monforte, Sarria e Chantada á UTE Hasa-Natutécnia (Hispania de Aviación S.A e Consultoría Natutecnia), e en Barreiros, Viveiro e Vilalba a Veicar S.L, por un prazo inicial de 8 anos que, tal e como establece a lei, pode prorrogarse un máximo de 15.

Emprego

As beneficiarias contratarán un total de 114 efectivos de forma indefinida, o mínimo fixado estaba en 108, que prestarán cobertura as 24 horas os 365 días do ano. Cada parque de bombeiros terá 19 persoas: 12 bombeiros-condutores, 6 xefes de quenda-condutores, e 1 xefe de servizo, asegurando a cobertura as 24 horas e os 365 días do ano. Dende o 25 de xaneiro está aberto o prazo de solicitude para participar no proceso de selección, e rematará despois de 15 días dende a citada data. No caso do sur lugués e Sarria as probas inclúen a presenza de árbitros das federacións galegas de atletismo e natación, test de personalidade, entrevistas e probas médicas. Posteriormente levarase a cabo un periodo formativo.

Equipamento

Recentemente tamén se aprobou a licitación do derradeiro equipamento interno das instalacións contra incendios de Chantada, Sarria, Vilalba e Viveiro por valor de 962.717 euros. O de Barreiros xa fora equipado. A dotación de material consiste nos traxes de protección, ferramentas para o mantemento das instalacións e vehículos, equipos de escalada, material informático e mobiliario para as oficinas.

Integración do parque municipal de Monforte

Tamén o parque de bombeiros municipal de Monforte, que pasou agora a integrarse no consorcio para dar un servizo a toda a comarca con máis garantías, contaba xa con gran parte do equipamento. Agora resta que, neste mes ou o vindeiro, o Pleno municipal de Monforte aprobe esta incorporación das instalacións ao Consorcio.

Parque móbil

 Con respecto ao equipamento do parque móbil, na actualidade hai 21 vehículos, 12 adquiridos pola Deputación e 5 pola Xunta en 2008. O Pleno tamén aprobou a contratación dos derradeiros tres vehículos. Contando cos que xa existían e cos que se foran anteriormente, Chantada contará cun camión de altura-mixto de 22 metros, 1 camión nodriza, 1 camión BUL, e 1 camión de mando; Sarria con outro camión de altura- mixto de 22 metros, 1 camión nodriza, 1 camión BUL, e 1 camión de mando.

Cobertura total para o sur da provincia e comarca de Sarria

 Os de Chantada, Sarria e Monforte de Lemos (zona sur) prestarán servizo a outros 25: Antas de Ulla; Baralla; Becerreá; Bóveda; Corgo; Carballedo; Chantada; Guntín; Láncara; Monforte; Monterroso; O Incio; O Páramo; O Saviñao; Pantón; Paradela; Pobra do Brollón; Portomarín; Quiroga; Ribas de Sil; Samos; Sarria; Sober; Taboada e Triacastela. O ámbito territorial adscrito a cada un destes parques terá independencia da súa actuación profesional se fose necesario, fóra dos límites do mesmo, a nivel comarcal e provincial, ou mesmo autonómico. A prestación do servizo incluirá: incendios; inundacións; accidentes de circulación; rescates e salvamentos e actividades de prevención.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Lugo Emprega pon en marcha a maquinaria para a contratación de traballadores municipais na zona sur

Seguinte Nova

Tomé analiza a situación política de Monforte

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: