Mercadillos en alza

Un dos atractivos dos mercadillos é o seu carácter temático.

 

Monforte e Sarria apostaron con éxito por esta fórmula que busca atraer xente á rúa.

 

Durante este Nadal foron varios os Concellos que organizaron distintos mercadillos como complento ao fomento do comercio nas súas vilas. Unhas destas iniciativas tivo lugar en Monforte, que acolleu o 26, 27 e 28 de novembro un mercado temático de complementos, o 3, 4, 5, 6, 7 e 8 de decembro outro de decoración de Nadal, os días 10, 11 e 12 de decembro outro de produtos agroecolóxicos e outro de regalos de Nadal do 16 ao 24 de decembro. Unha iniciativa valorada de xeito positivo dende o Centro Comercial Urbano de Monforte tal e como indicou o xerente, Germán Vázquez. “En principio ben, ainda que un pouco por debaixo das expectativas que nós agardábamos debido á pouca axuda que tivemos en canto á publicidade, ao momento e sobre todo á climatoloxía” explicou Vázquez. Pese a isto, dende o Centro Comercial Urbano entenden que se trata dunha experiencia que debe seguir desenvolvéndose e que por suposto debe celebrarse de novo cada ano. “Ainda así valoramos a iniciativa como positiva porque se conseguiu sacar a xente á rúa así como incrementar o comercio nestes mercados. Agora trátase de facer unha marca que poida atraer a xente de toda a comarca hacia Monforte, para que iso redunde no noso comercio”. En canto á afluencia de público, dende a xerencia do CCU de Monforte destacaron o feito de que a mellor acollida foi para os últimos mercadillos debido a que as condicións metereolóxicas tamén acompañaron. Asimesmo achegábanse as datas propias de Nadal, unhas datas nas que a xente tende máis a sair á rúa. “A ubicación das casetas, que todo estivera máis decorado e máis cerrado tamén axudou a subir a afluencia de xente nestes mercados”, puntualizou Vázquez. A intención agora é a de darlle continuidade a este tipo de iniciativas durante todo o ano, unha tarefa na que xa están a traballar dende o Centro Comercial Urbano.

FEIRA DE ARTESANÍA E AGASALLOS EN SARRIA

Pola súa parte, o concello de Sarria acolleu a celebración dunha Feira de artesanía e agasallos os pasados 17, 18 e 19 de decembro, unha actividade que se desenvolveu na Praza da Vila e que contou con distintas áreas temáticas como por exemplo os oficios artesáns, os xogos para nenos e unha queimada popular. Na súa organización colaboraron a asociación cultural Génesis e o Concello de Sarria, a través da concelleira de Turismo, Paula Vázquez, que foi a encargada de xestionar e tratar directamente cos representantes da feira. Foron en total 12 postos, que a maiores do apartado comercial, con venda de artigos de artesanía en barro, coiro ou madeira, permitiu tamén certo achegamento aos distintos oficios tradicionais. A feira instalouse en Sarria despois de ter visitado xa outros municipios como  Arzúa. Segundo explicou o concelleiro de Cultura, Xermán Arias, consistiu nunha feira de produtos artesanais na que se puido atopar dende todo tipo de agasallos ata doces. “O balance é positivo pese a que fixo bastante frío, cuestión que non nos axudou en nada nin ás persoas que se encargaban dos postos nin aos visitantes, pero en xeral bastante ben”, explicou o concelleiro de Cultura. Dende a concellería de Cultura tamén quixeron engadir que non se tratou en ningún momento dunha competencia directa para o mercado da vila. “Non era unha competencia directa co comercio porque as cousas que se ofertaron non se venden nos comercios, ainda así supoño que sempre é beneficioso para o pobo que se leven a cabo este tipo de iniciativas”, engadiu Arias. Tratase do segundo evento destas características celebrado nos últimos meses na Praza da Vila, i é que o anterior tivo lugar a finais de setembro e comezos de outubro grazas ao evento organizado pola asociación Artesanía e Curiosidades do Mundo. Desa vez foran 15 os expositores que se decidiran a poñer á venda produtos de España, Arxentina, Brasil, India ou Rumanía, tales como doces, bisutería, complementos, obxectos de decoración ou xoguetes.En calquera dos dous casos, tanto en Monforte como en Sarria, os mercados serviron para dinamizar un pouco máis o comercio e as súas vendas nestas datas.

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A FONDO: PASADO E FUTURO NO EIDO EMPRESARIAL NA COMARCA

Seguinte Nova

Os últimos coletazos do canon de Chantada: Aprobada a segunda fase da construcción do agardado auditorio

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: