Crónica del sur de Lugo

O Concello de Chantada pechará a oficina de rehabilitación a finais de ano

O Concello de Chantada pechará a súa oficina de rehabilitación a partir do vindeiro 31 de decembro, pasando así a asumirse ditos servizos dende as oficinas municipais. Unha decisión criticada por parte do Partido Popular chantadino, xa que aseguraron que o alcalde renunciou a unha subvención que xa tiña aprobada o Concello por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas  para o 2011 de 28.800 euros, o 50% dos gastos comprometidos e xustificados para seguir mantendo operativa a oficina de rehabilitación.

Pola súa parte, o alcalde de Chantada, Manel Anxo Taboada, asegurou que as inversións víronse moi reducidas, “obrígannos a nós a poñer 30.000 euros e iso non se pode manter, así que só se trata dun axuste presupostario”. “Agora eses traballos vanse a facer dende as oficinas municipais, non ten porque haber unha oficina específica para o volumen de traballo co que contaba dito servizo”, engadiu Taboada.

Dende que hai oito anos se abrira a oficina aos cidadáns, foron numerosos os edificios rehabilitados no casco vello de Chantada. EC

Alfonso Piñeiro, tenente de alcalde de Chantada, vai máis alá e explica máis polo miúdo que a oficina de rehabilitación mantíñase grazas ás axudas públicas tanto da Xunta como do Ministerio.

“Durante tres anos o custe da oficina oscilou entre os 50.000 e os 60.000 euros ao ano aproximadamente, e coas axudas públicas recibidas ata este ano 2010, a oficina costáballe ao Concello entre 4.000 e 6.000 euros”, apuntou Piñeiro. “Sen embargo, este ano recibimos a notificación de que soamente vamos a poder contar coa axuda da Xunta de Galicia, que son uns 27.000 euros”, engadiu. Ante esta notificación, e tratándose dun servizo que se pode prestar por parte dos funcionarios do Concello e por parte do persoal de Urbanismo, finalmente tomouse a decisión de pechar a oficina.

O tenente alcalde de Chantada coincidiu co alcalde á hora de sinalar como principal e único motivo do peche un axuste presupostario. “Non podemos sufragar este gasto, así de sinxelo”, afirmou Piñeiro.

A única diferenza a partir de agora é que non vai haber un servizo exclusivo para o que é a rehabilitación, senon que vai estar dentro do servizo de urbanismo con outros programas como o aluguer de vivendas á xente nova, etc.

Mentres tanto, dende o PP local aseguraron que o bipartito minte ao dicir que non poden seguir coa oficina de rehabilitación aberta por culpa das restriccións presupostarias que sufre o Concello, xa que para isto recibe subvencións da Xunta de Galicia, e ao mesmo tempo adxudica directamente un PEPRI (Plan de actuacións para a zona vella) por 75.000 euros.

Ante isto, o tenente alcalde de Chantada quixo aclarar que “non se pode confundir o tema de desidia co tema de aforro”, para o que fixo referencia ao servizo da Brigada de demolición que está na Xunta; “un servizo que leva pechado dende que entraron, pero sobre o que o Partido Popular de Chantada non fixo ningunha réplica”, indicou. Para o nacionalista, tratase en resumo do primeiro servizo que se vai pechar por axuste presupostario, “pero que nada ten que ver coa desidia, senon con gobernar en época de vacas flacas”.

Finalmente, os populares Chantadinos quixeron solicitar ao Concello que reconsidere esta decisión, xa que co peche da oficina tamén quedan en xogo dous postos de traballo, tendo en conta tamén a repercusión negativa nos novos contratos e subcontratos a empresas de rehabilitación.

Asimesmo, os populares quixeron lembrarlle ao alcalde que “a quen ten que pedirlle inversións para os veciños chantadinos é ao seu compañeiro José Blanco, Ministro de Fomento, xa que deixou de ingresar para esta oficina 11.200 euros; i é que a inversión do Estado pasou de 19.200 euros a  8.000 euros”.

A oficina de rehabilitación do casco vello do Concello de Chantada levaba aberta oito anos, dende o 2002, un peíodo que supuxo a mellora sustancial do patrimonio desta vila.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

Ir a Inicio