Natación, xogos, teatro e excursións para o verán de Pantón

O Concello repite con éxito a fórmula de combinar os cursos de natación co campamento urbano

O campamento de verán do Concello de Pantón ofrece unha alternativa de ocio creativo ós rapaces e rapazas do municipio durante os meses de verán. Arquivo EC.

Facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, dar un respiro ós pais e nais durante os longos meses de verán, entreter á rapazada nas ben merecidas vacacións e, tamén, ofrecer unha oportunidade de ocio creativo e de actividade acuática son os obxectivos do programa de ocio activo que o Concello de Pantón leva desenvolvendo dende hai varios anos durante os meses de xullo e agosto.

CURSOS DE NATACIÓN

Nenos e nenas de entre 5 e 12 anos teñen a oportunidade de disfrutar deste programa de actividades nas mañás do verán. Os cursos de natación organizados polo Concello de Pantón nas modalidades de iniciación e perfeccionamento desenvolveranse os luns, mércores e venres de xullo e agosto. As sesións de iniciación serán de 12 a 12,45 horas, e as de perfeccionamento de 12,45 a 13,30 horas, e contarán, coma sempre, con 10 prazas por curso según a normativa de seguridade nestas actuacións.

ACTIVIDADES E VISITAS GUIADAS POLO MUNICIPIO

Pola súa parte, o campamento urbano volta este ano a partir do 16 de xullo e ata o 31 de agosto cun horario de 10,30 a 13,00 horas os martes e xoves, para facer compatible a asistencia ós cursos de natación coas actividades programadas dentro do campamento. Segundo comentan os responsables municipais, veñen participando nestas actividades unha ducia de rapaces como mínimo, e dependendo das bandas de idade dos asistentes así van configurando os detalles das actividades. O campamento de verán que organiza o Concello de Pantón combina actividades creativas como xogos, teatralización, manualidades e artesanía con aspectos máis dinámicos como as saídas guiadas por diversos puntos do municipio, para que os máis novos poidan coñecer os recunchos máis singulares e significativos do lugar onde viven.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Máis afiliacións á Seguridade Social vinculadas ó turismo

Seguinte Nova

Escolares de Pantón visitaron as bases aéreas de prevención contra o lume de Marroxo e Doade

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: