A Xunta impulsará o Porto Seco de Monforte coa promoción desta plataforma

Medio Ambiente está a avaliar a mellora da rede de saneamento

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, visitou Monforte o pasado 29 de maio para coñecer o estado dos traballos da primeira fase de urbanización do Porto Seco, e trasladar á corporación municipal o “total apoio” do Goberno galego á plataforma de Monforte como nodo loxístico no transporte de mercadorías da Unión Europea. Durante a visita ás obras do Porto Seco, o titular autonómico estivo acompañado polo alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias. Xa na Casa Consistorial, Hernández entrevistouse co rexedor local e cos voceiros dos grupos municipais.

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, durante a súa visita a Monforte, xunto ó alcalde Severino Rodríguez e a delegada territorial da Xunta en Lugo Raquel Arias. GPCM.

AS OBRAS DA PRIMEIRA FASE REMATARÁN A FINAIS DE ANO

O conselleiro de Medio Ambiente anunciou que a primeira fase das obras do Porto Seco estará rematada a finais deste ano. A urbanización desta fase, que conta cun presuposto de máis de 6,5 millóns de euros, ten xa executados os movementos de terras e os marcos para o desvío do regato que atravesa os terreos, ademais de terse iniciada a instalación de servizos como abastecemento e saneamento. Agustín Hernández anunciou asimesmo que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, impulsará esta plataforma co fin de atopar empresas interesadas en instalarse no Porto Seco monfortino.

ENLACES VIARIOS DO PORTO SECO

En canto ás conexións viarias desta plataforma loxística, o conselleiro de Medio Ambiente sinalou que a conexión coas estradas LU-933 e N-120 está en fase de expropiación. O titular autonómico anunciou tamén que o proxecto de conexión do Porto Seco coa estrada Nadela-Monforte xa conta coa aprobación do estudo informativo e de impacto ambiental por parte da Consellería de Medio Ambiente, e someterase a información pública no mes de xuño, para poder aprobar o trazado este mesmo ano. En relación ó corredor Sarria-Monforte, Hernández anunciou que a Xunta prevé que o primeiro tramo de 9 quilómetros (dun total de 25) entre en funcionamento antes de fin de ano.

REDE DE ABASTECEMENTO E DEPURADORA

En canto ós servizos, Agustín Hernández informou de que a consellería de Medio Ambiente está a traballar no proxecto de mellora e ampliación do sistema de abastecemento de auga municipal, a través dun convenio entre Acuanorte, Augas de Galicia e o Concello de Monforte, cunha inversión conxunta de máis de 7 millóns de euros. Hernández sinalou que estas obras comezarán en xullo, unha vez rematada a fase de expropiación dos terreos. Este proxecto contempla a construcción dunha potabilizadora en Ribasaltas na parcela anexa á instalación xa existente, así como un depósito de bombeo na parcela da nova estación, un sistema de bombeo en Ribasaltas-O Cornado, un depósito e unha condución O Cornado-San Vicente de máis de 4 quilómetros. Sobre a depuradora, o titular de Medio Ambiente informou de que a Consellería comezou a análise da rede de saneamento urbana, dados os problemas de insuficiencia hidráulica, como a do parque empresarial, co fin de detectar as actuacións prioritarias para a súa mellora. Neste sentido, o voceiro socialista na corportación local, José Tomé, criticaba a situación da depuradora do parque empresarial e o impacto ambiental e económico que supoñen os verquidos das empresas. Tomé instou ó equipo de goberno municipal a asumir como “prioritaria” o arranxo desta infraestrutura, evitando así tanto o dano ambiental como as sancións económicas, e mellorando a imaxe do parque empresarial diante do empresariado.

MONFORTE NA REDE LOXÍSTICA EUROPEA, UN “LOGRO HISTÓRICO”

A inclusión de Monforte como nodo loxístico de mercadorías na rede básica de transporte ferroviario da Unión Europea, atópase en fase de tramitación e agárdase a súa aprobación definitiva neste ano. Severino Rodríguez reiterou “a total colaboración” coa Xunta neste proxecto “de gran importancia cara ó desenvolvemento económico e a creación de emprego”. Pola súa parte, o conselleiro de Medio Ambiente cualificou este proxecto como “unha gran oportunidade para Monforte e Galicia”, e manifestou que “as xestións que realice o Alcalde contarán co pleno apoio do Goberno galego”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Abertos novos espazos expositivos no Museo Pazo de Tor de Monforte

Seguinte Nova

Dez anos degustando as mellores cereixas en Ribas do Sil

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: