Certame de poesía e baile de fin de ano para os veciños da Pobra de Brollón

Os veciños da Pobra de Brollón contan para o mes de Nadal cunha ampla oferta cultural que inclúe numerosos concursos e diferentes actividades. Así, o programa festivo caracterízase especialmente este ano polos certames que se van levar a cabo e nos que poderán participar xente de todas as idades. Deste xeito, a Oficina de Información Xuvenil ten convocado xa un concurso de Beléns. No mesmo establecéronse dúas categorías: a de domicilios particulares e a de locais públicos, unha forma de implicar nesta iniciativa a todos os veciños. Trátase dunha actividade organizada e subvencionada pola oficina xuvenil xunto coa Concellería de Cultura.

Outro dos concursos en marcha é o de postais de Nadal. Neste caso foi necesario establecer varias categorías en función das idades, polo que poderán participar todos os xóvenes de ata 30 anos de idade con postais que versarán sobre o tema xenérico do Nadal e o que esta época do ano conleva. O prazo para entregar os traballos rematou onte, día 21, ás dúas da tarde.

E no medio de Beléns e de postais de Nadal, a biblioteca pública municipal de Brollón tamén quixo fomentar durante estas datas a poesía, grazas ao concurso de Poesía Nadal 2010. Para participar nel establecéronse tres categorías. A primeira para nenos e nenas de ata 8 anos, a segunda para rapaces de 9 a 11 anos, e a terceira de 12 a 16. Con isto ábrese a posibilidade de que participen todos os xóvenes interesados de ata 16 anos con poemas sobre o tema xenérico do Nadal. Unha serie de concursos cos que se pretende animar tanto aos máis cativos como aos máis maiores nestas datas, e de paso fomentar a lectura da poesía, un xénero literario pouco habitual entre os máis novos.

Pola súa parte, os poemas deberán ser entregados na biblioteca municipal, mentres que as postais poderán entregarse na Oficina Municipal de Información Xuvenil. O día 5 de xaneiro, véspera de reis, entregaranse os premios na biblioteca. Estes consistirán nunha serie de vales con diñeiro que recibirán o primeiro, segundo e terceiro clasificado de cada concurso.

Asimesmo, e aproveitando o traballo realizado por todos os participantes, tanto as postais como os poemas estarán expostos ao público tamén na biblioteca o día 5.

Baile de fin de ano para todos os veciños

A maiores de todo isto, para rematar o ano celebrarase un gran baile de fin de ano. Será a partir das doce e media da noite e celebrarase na casa da cultura. Un baile moi animado que estará amenizado polo Dúo Bandoneón e no que se repartirá cotillón a todos os presentes, ademais de contar con servizo de bar. Para rematar, a partir das tres e media da mañá haberá unha chocolatada con pastas. É de destacar que ao baile de fin de ano poderán asistir todos os veciños que o desexen sen necesidade de anotarse previamente.

Xa por último, na Pobra de Brollón celebrarase a tradicional cabalgata de Reis o día 5 de xaneiro a partir das cinco e media da tarde. Organizada pola Concellería de Cultura e a Oficina Municipal de Información Xuvenil en colaboración coa igrexa parroquial, a comitiva sairá do colexio e irá percorrendo as rúas do concello. Farase ademais unha parada na igrexa, onde actuará o coro da Escola de Música municipal. A intención é a de animar con un pouco de música o traxecto das súas maxestades de Oriente. Pola súa parte, todos os nenos que asistan á cabalgata recibirán un pequeno agasallo.

Actuación do Mago Rafa como fin de festa

O percorrido deste ano rematará na Casa da Cultura onde está prevista a actuación do malabar Mago Rafa. Peqeuenos e non tan pequenos poñerán punto é final ao desfile dos Reis Magos cos xogos de malabares e maxia que traerá preparados o artista. Despois da súa actuación procederase á entrega de premios e diplomas correspondentes aos distintos concursos, para rematar cunha nova chocolatada con pastas.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

InÉditor presenta en Madrid «Love is a game», con Luis Eduardo Aute

Seguinte Nova

Unha exposición leva a música de Brollón á capital de Rumanía

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: