Crónica del sur de Lugo

VALES DE COMPRA E ACTIVIDADES DIARIAS NA BIBLIOTECA PARA OS VECIÑOS DE CHANTADA

A Asociación de Empresarios de Chantada está a organizar unha campaña de Nadal moi semellante á do verán. Esta consiste en repartir rifas entre os clientes para logo facer sorteos semanais de vales de compra de 250 euros cada un. Deste xeito, cada semana realizarase un sorteo, agás a semana do día 5 de xaneiro (última semana) que por coincidir coa festa de Reis, decidiuse celebrar dous sorteos de dous vales de 250 euros, en vez de un.

O obxectivo non é outro que fomentar as compras nos comercios da vila e animar á xente con dous sorteos na semana que se prevé máis activa económicamente.

Aparte dos vales de compra, tamén se están regalando participacións de lotería entre os clientes. E como novidade, para esta campaña de Nadal a asociación de empresarios puxo en marcha un concurso de escaparates entre os seus asociados, que segudno indicou o presidente, José Manuel Lage, está a contar con boa participación.

En canto ás previsións para este Nadal, o presidente dos empresarios asegurou que ata o momento as vendas van máis ou menos como outros anos. “Os primeiros días de decembro sempre son máis relaxados, pero eu espero que a partir da semana do 20 se empece a mover como todos os anos. A xente sempre se intenta estirar un pouquiño máis nesta época”, indicou. E en canto ao alumeado, que este ano corre totalmente a cargo do Concello, dende a Asociación de Empresarios de Chantada quixeron manifestar o malestar transmitido pola maior parte dos comerciantes, debido ao descontento xeneralizado que hai en torno ao tipo de alumeado instalado, tanto en cantidade como en calidade e situación, explicou Lage.

Contacontos e películas todos os días

Durante o mes de Nadal todos os Concellos amplían a súa oferta cultural e lúdica para ofrecer aos veciños diversas actividades das que disfrutar durante estas datas. A Biblioteca Municipal de Chantada conta cun programa completo e variado que arranca con un concurso de poesía e de tarxetas postais sobre o Nadal. As bases para participar neste certame atópanse na Casa da Cultura e os traballos poden entregarse na biblioteca ata o vindeiro 30 de decembro ás dúas da tarde.

Por outro lado, o xoves día 23 terá lugar a proxección de La mágica historia de Santa Claus a partir das cinco da tarde. Tamén na biblioteca, o luns 27 de decembro dará comezo “A hora do conto: Xogando coas letras”, un espazo educativo e entretido para os máis pequenos a cargo da Compañía Educativa. Ese mesmo día ás cinco da tarde proxectarase Campanilla y el tesoro perdido.

Ao longo da semana a biblioteca municipal continuará coas proxeccións e cos contos. Así por expemplo, o martes  28 ás doce do mediodía a hora do conto estará adicada a Dada e o duende, mentres que na sesión cinematográfica das cinco os máis cativos poderan disfrutar de G-Force. Licencica para escapar. O mércores 29, Contacontos pola convivencia e a igualdade e proxección de Piratas con alma de héroes, o xoves 30 contacontos pola mañá e de novo película pola tarde, neste caso El héroe de todos.

E para comezar o ano máis do mesmo, tanto o luns 3 como o martes 4 e o mércores 5 de xaneiro a biblioteca municipal organizará contacontos ás doce do mediodía e proxección de películas ás cinco da tarde, agás o mércores que non haberá película pola tarde. Ese mesmo día, o mércores 5 de xaneiro á unha do mediodía, realizarase a entrega de premios do concurso de poesía e tarxetas de Nadal.

Pola súa parte, o domingo 2 de xaneiro ás seis da tarde celebrarase no salón de actos da residencia da terceira idade o V Circuíto de maxia de Nadal, o mércores 5 de xaneiro terá lugar a tradicional cabalgada de Reis a partir das seis da tarde, e para rematar coa programación festiva, o xoves 6 de xaneiro a Banda de Música de Chantada ofrecerá un concerto de Nadal ás seis da tarde na residencia da terceira idade.

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio