Aumenta o apoio provincial aos concellos en políticas sociais

A Deputación de Lugo é a administración que máis incrementa esta partida en todo o Estado

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo ven de aprobar recentemente a liña de axudas, en concorrencia competitiva, da Área de Benestar Social destinadas a colaborar cos concellos nos gastos correntes do Servizo de Axuda no Fogar, que faciliten a conciliación familiar e laboral, así como a asistencia aos maiores. Durante a presentación destas axudas, o vicepresidente da Deputación e responsable da Área de Benestar, Antonio Veiga, informou de que este ano a contía reservada para este concepto acada os 600.000 euros, o que supón un aumento do 20% do investimento con respecto ao ano pasado. Veiga destacou a importancia desta subida, “especialmente tendo en conta os recortes orzamentarios”, que sitúa á Deputación de Lugo como a administración de todo o Estado español que máis aumentou porcentualmente o investimento destinado á prestación dos servizos de axuda no fogar.

AXUDAS “DE VITAL IMPORTANCIA PARA OS CONCELLOS LUCENSES”

Antonio Veiga suliñou que esta subida “reflicte a coherencia coa nosa política de goberno en materia de benestar social”, que busca “sacar adiante proxectos como este, de vital importancia para a subsistencia dos servizos sociais nos concellos lucenses”, os cales, según o responsable provincial de Benestar, “están nunha situación límite tralos recortes dun 70% por parte da Xunta”.

ACTUACIÓNS NO SOCIAL, MÁIS NECESARIAS AÍNDA DEBIDO Á CRISE

Neste sentido pronunciouse a concelleira de Servizos Sociais de Monforte, Pilar López, apuntando que a Axuda no Fogar constitúe “un piar básico” na asistencia social ofertada polos concellos. López suliñou que “afortunadamente, tanto a Deputación, a través da Área de Benestar, como o Concello de Monforte manteñen unha mesma preocupación pola problemática social, máis aínda neste contexto de grave crise económica, que é cando quizáis máis necesarias son estas actuacións”. A responsable municipal de Servizos Sociais en Monforte insistiu en que o Concello está a continuar con todas as liñas de axuda social que viña mantendo ata agora, “facendo todo o posible” por tratar de melllorar os servizos existententes, “algo complicado se se ten en conta que a aportación da Xunta en este concepto cada vez é menor”.

NOVO CRITERIO DE VALORACIÓN POSITIVA

Os responsables provinciais de Benestar informaron de que esta liña de subvencións para Axuda no Fogar presenta unha novidade este ano, ao valorar positivamente o compromiso en materia social dos concellos solicitantes. Así, Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo da Deputación, explicou que “se terá en conta como un factor positivo á hora de valorar a contía da axuda, o feito de que os concellos manteñan outros investimentos en programas de carácter social, facendo aos concellos corresponsables do esforzo que en materia social está a facer a Deputación de Lugo”. Concellos como A Pobra do Brollón manteñen programas vinculados ao eido social, destinados sobre todo á poboación máis envellecida, que supón un importante porcentaxe nos pequenos concellos lucenses. O alcalde de Brollón, José Luis Maceda, considerou “moi positivo” este incremento do 20% nas subvencións provinciais para a Axuda no Fogar, e explicou que o Concello ven a desenvolver dende hai dous anos o programa Conciénciate, adicado aos maiores, e que a través dun prantexamento transversal busca a mellora psíquica e física deste colectivo, “que está a acoller moi ben estas actividades dende o seu comezo”.

40 clubes deportivos e 52 asociacións culturais da zona de Monforte recibiron axudas provinciais en 2011

O vicepresidente da Deputación, durante a presentación das axudas culturais e deportivas en Monforte. GPDL

Ata o 23 de marzo, no caso das axudas culturais, e ata o 2 de abril nas axudas ao deporte estará aberto o prazo de solicitude das subvencións que este ano oferta a Área de Cultura e Deporte da Deputación. O vicepresidente da entidade provincial, Antonio Veiga, presentou na Casa da Cultura de Monforte as bases desta convocatoria de axudas, dirixidas a entidades e concellos, para as que se destinan máis de 1.200.000 euros. Os case 630.000 euros da partida para axudas deportivas pretende potenciar a descentralización do deporte, fomentar actividades saudables no lecer, e contribuir á creación de emprego e á dinamización económica. Pola súa parte, uns 430.000 euros das axudas de cultura van destinados a apoiar o asociacionismo cultural, “auténtico xerme e motor da nosa cultura”, e os outros 160.000 euros irán destinados aos concellos.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Problemática da gardería monfortina da Obra Social: na procura dunha solución

Seguinte Nova

José Alberto López Amaro, promotor de los convenios R.A. contra la crisis:

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: