Crónica del sur de Lugo

Prodeme celebra trinta anos de integración

Un dos momentos do acto institucional de celebración no Multiusos de Monforte. Prodeme

A asociación monfortina Prodeme celebrou estes días o acto institucional para conmemorar o trinta aniversario da constitución da entidade, que loita pola integración das persoas con discapacidade intelectual na comarca.

O acto tivo lugar no Multiusos de Monforte, e contou coa presencia e intervención de diversas autoridades e homenaxeados. Interviron, entre outros, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, a Secretaria Xeral de Benestar, Susana López Abella, e José Vázquez Portomeñe. O acto finalizou cun xantar-degustación de produtos procedentes do centro ocupacional da entidade.

Actos en decembro

A asociación monfortina leva celebrando esta efeméride durante todo o mes de novembro, con actividades diversas que van dende as xornadas de cine documental e discapacidade intelectual, representacións teatrais para os centros escolares da cidade, así como diversas conferencias con ponentes de prestixio. Os actos continúan no mes de decembro, coa conferencia “La educación como compromiso vocacional”, a cargo de Javier Urra Portillo, psicólogo forense na Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza e Xulgados de Menores de Madrid. A cita terá lugar no salón de actos da casa da cultura de Monforte o 13 de decembro ás 20.00h. Asimesmo, para os escolares da cidade a asociación convoca o I Concurso Escolar de Redacción “Entendiendo la discapacidad Intelectual”, baseado na visión dos máis pequenos sobre a discapacidade intelectual. Haberá dúas categorías para a primeira e a segunda etapa da ESO. Os traballos terán unha extensión máxima de dous folios, e se presentarán nos centros escolares cos datos do autor. O prazo de entrega remata o 22 de decembro. Asimesmo, a selección dos traballos se realizará a proposta dun xurado, nomeado pola propia asociación. O xurado estará composto por tres vocais, coñecedores do colectivo da discapacidade, baixo a presidencia de Montserrat Pérez Abad, psicopedagoga da Asociacion Prodeme. Os premios consistirán nun ordenador personal para os rapaces gañadores, e un libro electrónico para os segundos clasificados. Os traballos premiados serán publicados na Revista Oficial de Fademga. A entrega de premios levarase a cabo o 14 de xaneiro de 2011 nas instalacións da Asociación Prodeme.

A loita pola integración social

A Asociación Prodeme é unha asociación de pais e familiares de persoas con discapacidade intelectual constituida o 23 de xaneiro de 1980 en Monforte. O fin da entidade é acadar unha maior calidade de vida para as persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, inspirado nos principios de normalización, autonomía e integración social. Actualmente, a entidade presta servizos de residencia, atención ocupacional, conta cun centro especial de emprego, e promove actividades de ocio, deporte e tempo libre. O xerente de Prodeme, Julio Cortiñas, salientou a importancia da celebración destes actos “porque son importantes para continuar divulgando a realidade que vivimos ás novas xeracións e á sociedade en xeral: a nosa loita pola integración das persoas con discapacidade intelectual”, e engadiu “o orgullo que representa que a sociedade nos perciba como un colectivo que traballa para xerar riqueza no seu entorno dende hai trinta anos”. Asimesmo, estes días o delegado do goberno en Galicia, Antón Louro, entregou a 13 entidades, entre elas Prodeme, 14 vehículos para mellorar a accesibilidade das persoas con discapacidade intelectual.

Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir a Inicio