Os colectivos e asociacións lucenses seguirán contando con axudas neste ano

•O Plan Estratéxico de Subvencións que aprobará a Deputación garante o “criterio de igualdade” na concesión de axudas •As áreas dependentes da Vicepresidencia primeira destinarán preto de 5 millóns de euros á colaboración con asociacións, colectivos e concellos

A Deputación de Lugo manterá en 2012 todas as liñas de axudas do exercicio anterior correspondentes á colaboración con asociacións e colectivos da provincia. O vicepresidente primeiro, Antonio Veiga, anunciou recentemente que as diferentes áreas dependentes do seu departamento, e que inclúen Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico e Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mocidade, contarán con preto de 5 millóns de euros destinados a colectivos, asociacións e concellos no desenvolvemento da súa actividade nestas áreas.

AXUDAS AO DEPORTE

O vicepresidente da Deputación detallou as cantidades previstas para subvencións en cada área. Desta maneira, Veiga informou de que para a promoción do deporte lucense entre os colectivos e asociacións, en réxime de concorrencia competitiva, destinaranse 500.000 euros. Para colaborar cos concellos, nos pequenos investimentos en melloras e equipamentos e para facer fronte aos gastos correntes na organización de actividades deportivas destínanse 160.000 euros, mentres que para os clubs máis representativos da provincia e que compiten a alto nivel destínanse 1.855.000 euros a través de subvencións nominativas. Por último, para deportistas individuais establécese a liña dotada con 91.000 euros.

Antonio Veiga, vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, e Manuel Martínez, portavoz do Partido Socialista no organismo provincial, durante a presentación da liña de axudas. GPDL.

APOIO Á CULTURA

No apartado cultural, Antonio Veiga explicou que os concellos contarán con 100.000 euros para mellora de equipamentos culturais, 60.000 euros para os gastos da organización de actividades culturais. Haberá ademais unha partida de 60.000 euros para pequenas actividades culturais de carácter excepcional, e 115.000 euros tamén con carácter excepcional para colaborar nas actuacións de recuperación de edificios e bens con importancia patrimonial e cultural. As asociacións culturais contarán con 430.000 euros en concorrencia competitiva para a organización das súas actividades culturais, e se disporán outros 435.000 euros para esta finalidade con carácter nominativo para aqueles colectivos culturais de maior envergadura ou que teñen unha relevancia especial no plano cultural a nivel provincial. A maiores, hai que ter en conta que tamén se conceden subvencións aos tres concellos lucenses que teñen conservatorio musical (Monforte de Lemos, Viveiro e Vilalba), destinando 25.000 euros a cada un deles.

MÁIS APORTACIÓN Á AXUDA A DOMICILIO

Antonio Veiga quixo destacar que “aumentamos a partida destinada a Axuda a Domicilio, unha partida que no exercicio pasado rondaba os 500.000 euros e que para este 2012 situamos nos 600.000”. O vicepresidente primeiro explicou que “son 100.000 euros máis para axuda no fogar, para atención no seu medio aos nosos maiores, nun momento no que a Xunta está a acometer recortes de máis do 85% na cantidade destinada para esta finalidade nos Concellos”. O departamento de Igualdade investirá en axudas e subvencións 200.000 euros, mentres que o de Mocidade contará con 91.000 euros.

PLAN ESTRATÉXICO DE SUBVENCIÓNS

Veiga afirmou que “houbo que agardar á nosa entrada no goberno da Deputación para que se confeccionase un Plan Estratéxico de Subvencións para estabelecer como e onde van ir destinadas as axudas da institución”. Veiga destacou que este Plan introduce “o criterio da igualdade á hora de establecer as axudas en concorrencia competitiva”, e suliñou a importancia deste feito, xa que nestes anos aumentou o número de solicitudes dos colectivos lucenses, debido á maior información e publicidade coa que se rexe o proceso de subvencións.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte aproveita a derradeira actuación do canon para rematar a iluminación do paseo fluvial

Seguinte Nova

A filosofía da cooperación cos concellos en tempos de crise

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: