Un paso máis na creación de emprego

Gómez Besteiro e Tomé Roca xunto cos veciños de Monforte antes de asinar ante notario. Foto: EC

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do voceiro socialista en Monforte, José Tomé, asinou ante notario xunto con dez veciños de Monforte, tres novas escrituras que converten á institución provincial na propietaria doutros 10.000 metros cadrados nas proximidades do polígono do Reboredo, e que se engaden aos 130.000 metros adquiridos con anterioridade. Gómez Besteiro salientou así que “damos un paso máis no compromiso da Deputación co futuro desenvolvemento empresarial de Monforte, avanzando na adquisición do 100% dos terreos para que Pacadar sitúe aquí a súa nova factoría. A día de hoxe xa contamos practicamente co 90%, e a isto hai que sumar a decisión que ven de tomar o Goberno Central e que ratificou a Unión Europea, para facer de Monforte un centro de transferencia de mercancías presente na rede transeuropea de ferrocarril. Todo isto fai que sexamos optimistas de cara ao futuro”. O titular provincial tamén destacou que só quedan dúas parcelas para culminar a fase de adquisición dos terreos, e que paralelamente o Concello de Monforte xa está a traballar no tema da modificación puntual. Ao respecto salientou que “queremos chegar a un acordo cos seus propietarios pero se non fose posible teríamos que acudir á expropiación, proceso ao que non nos gustaría ter que recorrer”, insistiu. De xeito paralelo, a Xunta de Galicia e o Concello de Monforte deberán agora tramitar as licenzas correspondentes para converter o solo rústico en urbano. Posteriormente, o organismo provincial, mediante a Sociedade Urbanística Provincial, redactará o proxecto para iniciar a súa execución o vindeiro ano. Finalmente, tal como establece o convenio asinado entre Deputación e Pacadar, venderanse os terreos á entidade a 12 euros o metro cadrado.

Frear o despoboamento

En numerosas ocasións, Gómez Besteiro destacou que o acordo que a Deputación acadou con Pacadar aposta pola creación de emprego ao mesmo tempo que combate o despoboamento demográfico na provincia. Dentro do retroceso demográfico que está a sufrir a provincia, a zona sur é unha das máis perxudicadas. Ante esta situación, a posta en marcha desta factoría en Monforte significaría unha importante operación de xeración de emprego.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Melloras nas vías provinciais por valor de 1,6 millóns de euros

Seguinte Nova

Implantación do sistema ORA na cidade de Monforte: os cidadáns opinan

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: